MOBILIDADE

Gonzalo Muíños presenta tres accións de seguridade, mobilidade e accesibilidade que está levando a cabo o seu departamento

01/06/2021 O concelleiro de Mobilidade e Seguridade Cidadá, Gonzalo Muiños, presentou hoxe tres accións que están desenvolvendo para garantir a seguridade, accesibilidade e a mobilidade. Son: a pacificación da Costa de San Marcos, instalando dous pasos de peóns e reducindo de tres a dous os carrís dese tramo; adaptación de máis de 300 prazas de mobilidade reducida á normativa vixente; e a posta en marcha dun proxecto piloto de sinais acústicas en semáforos destinado a persoas invidentes. Na rolda de prensa tamén estivo presente Tino Campaña, técnico da área de Mobilidade.

A primeira destas accións, sinalou Gonzalo Muiños, é a pacificación do tráfico na Costa de San Marcos, a N-634 que "agora é unha travesía urbana". Era necesaria "debido ás vivendas, os estabelecementos comerciais, hoteis, paradas de autobús e a zona de cruce para asistir á escola". Subliñaba o concelleiro que se precisaba "un calmado do tráfico" ante as altas velocidades que se rexistraban.

Co obxectivo de pacificar o tráfico, explicou Tino Campaña, eliminouse un dos carrís de subida, pasando de tres a dous: un de subida e outro de baixada. Tamén se "ordenou o primeiro nó", onde está o Hotel Santiago Apóstol", cun paso de peóns, "unha demanda moi antiga". A partir deste punto eliminouse un carril ata a entrada da Rúa de Santa Teresa Jornet e na subida instalouse outro paso de peóns, ademais de mudar a sinalización para limitar a velocidade. A pesar destas actuacións, Campaña recoñece que sigue habendo "excesos de velocidade". Está previsto que os traballos, codicionados pola climatoloxía, finalicen esta mesma semana.

Segundo os datos dun estudo realizado entre o venres, 28 de maio ás tres da tarde e o martes un de xuño ás seis da mañá, cando xa se reducira o número de carrís, por este tramo pasaron 6.770 vehículos nesa franxa horaria. O 58% (3.959) respectou os límites de velocidade de ata 50 quiolómetros por hora. Un 38% (2.612) circulaba entre 51 e 70 quilómetros por hora; case o 3% (190) entre 71 e 90 quilómetros por hora; e o 0,13%, é dicir, 9 vehículos, superaban os 91 quilómetros por hora.

A segunda acción é a adaptación de 339 prazas de mobilidade reducida á normativa vixente, que contempla un espazo maior. O concelleiro explicou que a semana pasada "mantivemos unha xuntanza coa directiva de COGAMI", para empezar polas que requiran de máis urxencia. Gañarase, continuou, en accesibilidade e seguridade. "Porémolo en marcha tan pronto tiñamos o informe desas prazas que consideren indispensables", engadiu.

De xeito paralelo, emitiranse unhas novas tarxetas para os solicitantes, cun microchip, para evitar "un uso fradulento" e a falsificación das mesmas.

A terceira acción prevista é un proxecto piloto, denominado Pas Blue, destinado a persoas invidentes, a través do cal se colocarán dez dispositivos noutros tantos semaforos. Trátase dun sistema acústico que se activará cun pulsador de petición de paso, cun mando a distancia ou a través dunha aplicación Bluetooth; "para que as persoas invidentes fagan uso del cando sexa necesario, polo que o resto do día non estará a sonar", cando o semáforo se poña en verde, indicou o concelleiro.

Gonzalo Muiños explicou que este novo proxecto beneficiará tanto á veciñanza á que lle molesta o pitido do semáforo, como as persoas invidentes que, ao baixar o volume do son, non o escoitaban ben.

Mañá está prevista unha xuntanza coa delegación territorial en Galicia da ONCE, "para que nos indiquen as zonas de máis tránsito, aínda que nós xa temos localizadas algunha", finalizou Gonzalo Muiños. Entre as rúas con demanda deste servizo, Tino Campaña citou Romero Donallo e Rúa do Hórreo.

Documentos relacionados



Compartir: