POLÍTICAS LINGÜÍSTICAS

42 vídeos participan no Enreguéifate 2021

01/06/2021 O pasado día 28 de maio pechaba o prazo para participar no Enreguéifate 2021 e acadaba a participación de 42 vídeos, 36 na categoría escolar e 6 na xeral, chegados desde Ames, Baio, Cambre, Caldas de Reis, Santiago, Vigo, Mondoñedo, Rianxo, Pontevedra, Moaña, Malpica de Bergantiños, Ponteareas ou Tordoia.

Enreguéifate é un proxecto impulsado polos concellos de Ames, Pontevedra, Rianxo, Santiago de Compostela e Teo que apoia a difusión da improvisación oral en verso (regueifa) para contribuír, por medio dela, á promoción do uso da lingua galega. Neste camiño, Enreguéifate súmase ao labor que xa veñen realizando diversas entidades públicas e privadas, así como moitas persoas do ámbito cultural e do ensino.

O obxectivo principal deste proxecto é que a cidadanía entre en contacto coa improvisación oral en verso a través da experiencia de regueifar, nomeadamente no ámbito escolar. Por iso, inclúe accións formativas para alumnado e profesorado e, nesta edición especialmente, o fornecementos de diferentes recursos audiovisuais que calquera pode atopar na web do certame e na súa canle de Youtube.

Malia continuar nun ano golpeado pola pandemia e as restricións pertinentes, presentáronse un total de 42 vídeos, 36 na categoría escolar e 6 na xeral, chegados desde Ames, Baio, Cambre, Caldas de Reis, Santiago, Vigo, Mondoñedo, Rianxo, Pontevedra, Moaña, Malpica de Bergantiños, Ponteareas ou Tordoia.

As regueifas participantes xa poden verse na canle de YouTube do certame e tamén na súa web.

Comeza agora a fase de votación do xurado, que nesta ocasión está composto por María López, concelleira en Teo e profesora; Manolo Maseda, mestre, músico e regueifeiro; Séchu Sende, mestre, escritor e regueifeiro; e A Rabela, rapeira, filóloga e regueifeira. Como cada ano, escollerán as regueifas gañadoras de seis premios en cada unha das categorías: Regueifa máis brava, máis aguda, máis diversa, máis reivindicativa, mellor cantada e mellor falada.

Os vídeos premiados desta edición anunciaranse antes do 22 de xuño a través das redes sociais do Enreguéifate.

Compartir: