ACCIÓN CULTURAL

AGAPI presenta 'Conversas abertas. Estudo cualitativo de produtoras audiovisuais galegas', que analiza o presente e futuro do sector

27/05/2021 AGAPI (Asociación Galega de Produtores Independentes) presentou hoxe a publicación "Conversas abertas. Estudo cualitativo de produtoras audiovisuais galegas", que recolle 26 entrevistas en profundidade con responsables da produción independente galega. Na rolda de prensa estiveron a concelleira de Acción Cultural, Mercedes Rosón, a xerente da entidade, Uxía Caride, e Nati Juncal, de Cósmica Producións, unha das persoas entrevistadas. As tres coincidiron en que traballos como este supoñen unha oportunidade para difundir, pór en valor e coñecer de forma directa a situación na que se atopan os produtores, cal é o presente, e cara onde camiña o futuro do audiovisual.

Desde o ano 2005 AGAPI publica anualmente o "Anuario de Información do Sector Audiovisual Galego", ao cal se vencella este novo traballo, que conta co financiamento e apoio do concello de Santiago. O estudo recolle a valoración e impacto que supuxo a pandemia nas produtoras galegas e unha pequena reflexión sobre o futuro do audiovisual.

As entrevistas están clasificadas xeográficamente iniciando o percorrido coas empresas produtoras situadas no concello de Santiago, as empresas da comarca e por último as empresas localizadas ao longo das catro provincias galegas. Son un total de 26 entrevistas en profundidade, que ocupan 67 páxinas. 11 son empresas do municipio compostelá, 3 dos arredores e 12 doutras localidades galegas.

Mercedes Rosón destacou a importancia da produción independente dentro do sector audiovisual; e "a importancia de facer este traballo de estudo e reflexión no momento máis complicado". Uxía Caride agradeceu o apoio do concello de Santiago e indiciu na incertidume ao que se enfrontou o sector durante a pandemia, "porque non sabes como vai ser o escenario. Foi un ano de moitos retos, moi complexo, no que logramos aguantar", "cun futuro incerto, pero que, esperamos, sexa positivo", xa que a previsón é que despois de verán, moitas produtoras independentes comecen a rodar, indicou.

Pola súa banda, Nati Juncal destacou o papel de Santiago de Compostela, "como epicentro do audiovisual en Galicia", algo no que tamén incidiu Mercedes Rosón. Juncal explicou que aprendeu moito das entrevistas a outros produtores e cualificou o estudo "como unha vía de comunicación que a veces non temos entre nós. Por iso, para min, é moi interesante", engadiu.

Axudas ao sector audiovisual
Uxía Caride explicou que é dificil facer un cálculo das perdas que supuxo a pandemia para o sector audiovisual. Hai datos, subliñou do impacto económico para as pequenas produtoras correspondentes a marzo de 2020, cando comezou o estado de alarma. Só este mes, rexistraron, segundo sinalou, 3 millóns de euros en perdas.

Nati Juncal afirmou que a aplicación dos protocolos sanitarios corre a cargo das empresas, co sobrecuste que iso supón para as rodaxes. Ambas coincidiron na necesidade de liñas de axudas para poder asumir eses subrecustes.

Segundo Mercedes Rosón, desde o concello sempre foi unha prioridade axudar ao sector cultural. E fíxose, sinalou, "producindo cultura. Non anulamos ningunha actividade. Reprogramamos todo e xeramos aínda máis actividade. Incidiu tamén nos " subrecustes da aplicación dos protocolos covid nos equipamentos, tanto nos espazos interiores como nos exteriores, nos parques e nas prazas, onde fixemos moitísima actividade". Aparte disto, a concelleira destacou "o esforzo importante" que se fixo para sacar, en 2020, axudas directas ás empresas profesionais e culturais de Compostela, ás que se presentaron "unhas cantas produtoras independentes". E agora, continuou, "acabamos de sacar unha partida de 554.000 euros para producións artísticas, para produción cultural, porque os concellos non temos as competencias en materia de cultura".

Engade Rosón, que para Santiago, "para nós, a cultura é un piar fundamental onde se apoia o discurso da nosa cidade, e tendo en conta o importantísimo peso que ten o sector cultural a nivel profesional, habilitamos recursos dos diferentes remanentes, para agora poder sacar estas axudas".

A concelleira de Acción Cultural recordou que é a administración autonómica a que ten transpasadas as competencias plenas en materia de cultura. "Creo que a Xunta de Galicia ten que asumir, axudar e resolver a situación na que se atopa un sector, como é o audiovisual galego, que ten un valor enorme a nivel cualitiativo dentro do panorama español, e a nivel internacional".

Rosón recordou que ata agora, non houbo positivo algún en ningún dos eventos programados polo concello; e amosou a súa preocupación "porque durante todo este tempo cumprimos rigurosamente todos os protocolos de seguridade" e "vimos que a cultura se viu penalizada por os aforos". "A nós", continuou, "afectounos moitísimo porque alterou o orzamento do organismo autónomo Auditorio de Galicia, que xestiona o Teatro Principal e o propio Auditorio, que quedou sen ingresos prácticamente. Pero nós o que queríamos era seguir ofrecendo cultura, ofrecendo traballo ao sector cultural. Ese era o noso obxectivo". Engade a concelleira que "aqui cada administración ten que xogar o papel que lle corresponde. Creo que Santiago de Compostela estivo en todo momento absolutamente comprometida coa cultura e co noso tecido cultural, cuns criterios de calidade importantísimos", e con moitas actividades, tanto durante a pandemia, como neste momento.

Compartir: