TURISMO

Turismo de Santiago organiza unha xornada para o sector de Congresos e Eventos da cidade no contexto da Covid-19

26/05/2021 Turismo de Santiago, a través do Santiago de Compostela Convention Bureau, organizou unha xornada técnica dirixida ao sector dos Congresos, Reunións, Eventos e Incentivos da cidade, no que participaron Organizadores Profesionais de Congresos, o Pazo de Congresos e hoteis vinculados con este sector concreto.

O encontro de traballo tivo lugar de modo presencial, co obxecto de lanzar unha sinal de cara á recuperación do sector da cidade, amosando que se poden celebrar este tipo de encontros, respetando en todo momento as normas sanitarias en vigor.

O sector da organización de congresos é un dos máis afectados a nivel global pola crise xerada polo Covid-19. Neste contexto, a volta á organización de eventos riquire repensar produtos, montaxes e argumentos de venda, así como ser moi escrupuloso cos protocolos de seguridade sanitaria dos eventos.

A xornada formulouse con dous obxectivos complementarios. O primeiro era repasar os protocolos de seguridade precisos para a organización dos eventos. Non se trata só de coñecer e aplicar as normativas sanitarias vixentes en cada caso. Senón tamén de ir máis alá e aplicar medidas que transmitan maior seguridade ás persoas participantes.

O segundo obxectivo era traballar conxuntamente entre Turismo de Santiago e representantes do sector de Congresos, Eventos e Incentivos para buscar un posicionamento compartido, pensando en clave de destino tanto dende a administración local como dende o sector privado.

A xornada foi impartida polo cofundador do Grupo Eventoplus, empresa líder na formación e información sobre o sector dos Congresos en España, José García Aguarod. Esta xornada concibiuse como unha actualización da que se celebrou no pasado mes de outubro, tamén co Grupo EventoPlus.

Compartir: