MERCADOS

O Recinto Feiral de Amio acolle de xoves a domingo a sétima edición do Salón do Vehículo de Ocasión

26/05/2021 O concelleiro de Mobilidade e Seguridade Cidadá, Gonzalo Muíños, e o responsable da organización do evento, Fabián Saavedra, presentaron en rolda de prensa a sétima edición do Salón do Vehículo de Ocasión en Santiago de Compostela, que se celebra no Recinto Feiral de Amio do xoves 27 ao domingo 30 de maio.

O evento, que abre as súas portas este xoves ás 10:00 horas, contará coa presenza de máis de 20 concesionarios e compravendas, cun stock de máis de 800 vehículos, a prezos rebaixados, exhibidos en 16.000 metros cadrados de exposición.

A feira contará coas garantías de seguridade precisas, xa que se deseñou un protocolo de seguridade fronte á Covid-19, con medidas para garantir a seguridade de todos os visitantes. Entre elas destacan: coches desinfectados, grande extensión (12.000 metros cadrados exteriores + 4.600 interiores nun pavillón ventilado), aforo limitado, uso obrigatorio da máscara, puntos de desinfección, etc.

O concelleiro amosou a súa satisfacción pola recuperación da actividade nos espazos municipais, xa que significa "que vemos a luz ao final do túnel". Así mesmo amosouse moi satisfeito pola confianza depositada na cidade pola entidade organizadora, Dolecer Eventos.

O seu responsable, Fabián Saavedra, agradeceu a colaboración do Concello un ano máis e salientou a ampla oferta de vehículos que se poderán atopar no evento: "km0, seminovos, e de segunda man. Todos con garantía e totalmente revisados. Tamén disportemos dunha gran cantidade de vehículos de gama ECO, eléctricos, híbridos e híbridos enchufables".

O horario nas catro xornadas será ininterrompido de 10.00 a 20.30 h.

Compartir: