ACCIÓN CULTURAL

Arranca a segunda edición de Plataforma, festival de artes performativas de Santiago de Compostela

25/05/2021 Entre o 26 de maio e o 5 de xuño de 2021 terá lugar a segunda edición do festival de artes performativas Plataforma, un proxecto que baixo o fío da performatividade quere tender pontes entre as artes visuais e as artes vivas, a música, as artes escénicas, a arquitectura e o deseño. O festival foi presentado hoxe en rolda de prensa pola concelleira de Acción Cultural, Mercedes Rosón, e contou coa asistencia de Anxo M. Lorenzo, secretario xeral de Cultura da Xunta de Galicia; Santiago Olmo, director do CGAC; e dos directores do Festival, Iñaki Martínez, Mónica Maneiro e David Barro.

Dirixido por Performa S. Coop. Galega, Plataforma continúa coa intención de traballar en rede e complicidade co maior número de axentes, institucións e espazos posibles dunha cidade referente cultural como Santiago de Compostela.

"Plataforma é un festival de cidade, transversal, comprometido co urbanismo e a riqueza patrimonial material e inmaterial de Compostela, coa súa diversidade, coa igualdade, coa tradición e coa innovación cultural, preocupado pola sustentabilidade e por proxectar talento local", indicou a concelleira Mercedes Rosón, que sinalou que "por este motivo a primeira edición de Plataforma tivo gran fortuna crítica en medios estatais e autonómicos e foi destacada no Observatorio de la Cultura en España 2020 (Fundación Contemporánea) entre as dez mellores iniciativas culturais do ano en Galicia".

Anxo Lorenzo, pola súa banda, amosouse encantado de poder participar e de que se poida volver pouco a pouco a "programacións estendidas". O director do CGAC, Santiago Olmo, cualificou de "moi importante" para o centro acoller este tipo de experiencias "que están no núcleo mesmo da arte contemporánea".

Para os directores do festival David Barro, Mónica Maneiro e Iñaki Martínez Antelo "Plataforma é un festival perfecto para este momento de reactivación cultural pola súa transversalidade e a descentralización das súas localizacións, pola súa escala, pola súa programación pensada para espazos singulares e pola posibilidade de seguir con facilidade os protocolos adecuados de sustentabilidade e de seguridade para a saúde nas súas accións e propostas".

Nesa liña, unha das singularidades do festival é a programación de varias exposicións coas que se relacionan directamente algunhas das performances programadas, como a de Pilar Albarracín no CGAC ou a de Carlos Garaicoa na Fundación DIDAC. Tamén é de sinalar a implicación do festival con aquelas iniciativas que polo seu carácter experimental e híbrido habitualmente non teñen espazo nas programacións museísticas ou nas programacións estables de ámbito cultural. Por outra parte, o festival Plataforma fomenta a colaboración entre artistas de diferentes disciplinas o que favorece o cruce de públicos diversos e singulares conexións creativas.

Plataforma ten unha importante representación feminina e unha decidida aposta polo talento galego (máis do 70% dos artistas programados) en performances, concertos, danza, poesía, deseño e arte contemporánea en exposicións, accións e conversacións capaces de unir a creadores galegos con valores de recoñecemento internacional.

Este é o caso de La Ribot, Premio Nacional de Danza e recentemente galardoada co León de Ouro da Bienal de Danza de Venecia, que recibirá o martes día 1 de xuño o I Premio Plataforma pola súa traxectoria na arte e a performance. La Ribot realizará ademáis unha conversa e unha performance tras ter realizado na pasada edición do festival a exposición La Ribot. Manual de uso no CGAC.

Outra artista descatada é Pilar Albarracín, merecedora da distinción de Chevalier de l'Ordre des Arts et des Lettres que outorga o Ministerio de Cultura francés e que tamén realizará unha performance coincidindo coa súa mostra Accións peregrinas, tamén no CGAC, neste caso en colaboración co coñecido grupo de baile e música tradicional galega Brincadeira.

Plataforma destaca por apostar pola produción propia e os encargos específicos aos artistas participantes. No seu programa haberá estreas absolutas de pezas escénicas, performances ou conferencias performativas. A bailarina e coreógrafa Janet Novás presentará a peza Where is Janet?, concibida especialmente para realizar no espazo museístico do CGAC, e o Colectivo LAG prepara a súa performance Pánico para o Parque de Belvís. Tamén será estrea a peza que realizarán Loreto Martínez Troncoso e a italiana Elena Biserna na Praza de Mazarelos ou Anacos coa a que Marta Verde e DJ Mil clausurarán a edición 2021 nun exercicio de unión entre a música máis actual e os audiovisuais creados ao efecto para a fachada da igrexa de San Martiño Pinario. Do mesmo xeito, Plataforma acollerá a nova performance da xaponesa afincada en Santiago Masako Hattori no Parque de Bonaval ou a nova produción do colectivo Vacaburra, formada por Andrea Quintana e Gena Baamonde que será presentada no Teatro Principal.

Este ano retomaranse as accións poéticas no parque de Belvís con pezas novas de Lara Dopazo Ruibal e Estevo Creus, e realizaranse catro conferencias performativas creadas especialmente para esta edición a cargo de Carme Nogueira, Mónica Mura, Félix Fernández e Vasco Araújo en espazos da Universidade de Santiago e arredores.
Despois da boa acollida da performance realizada por Juan López coa Banda Municipal de Santiago o pasado ano, nesta edición será a artista Amaya González Reyes a encargada de dirixir esta colaboración que será presentada na Praza do Obradoiro para abrir o festival.

Algúns dos artistas de Plataforma presentarán os seus traballos por primeira vez en Galicia, como Bárbara Bañuelos coa súa peza Inventario no Teatro Principal ou a catalá Laia Estruch que fará Album Victòria nos exteriores do CGAC coa axuda do grupo compostelán Samesugas. Tamén se presentará a performer portuguesa Mariana Tengner Barros cunha peza duracional creada especificamente para realizar na Fundación DIDAC en relación coa exposición de Carlos Garaicoa.

No festival haberá tamén un espazo para a educación e a mediación cultural cos talleres infantís deseñados por Adriana Pazos e Alba Cacheda, conversacións con artistas como Álvaro Valiño e Verónica Moar, encontros co público con La Ribot e Juan Loriente, entre outras actividades de programación expandida pensadas para completar a proposta híbrida do festival.

Pronto estarán dispoñibles as entradas de balde na web do festival baixo reserva previa.

Direcciones relacionadas



Compartir: