IGUALDADE

Presentado o vídeo que se difundirá nos CSC do rural con motivo do 25N e no que se reflexiona sobre a desigualdade desde unha perspectiva masculina

20/11/2020 A concelleira de Políticas de Igualdade, Mercedes Rosón, presentou o video que se difundirá nos centros socioculturais do rural, e a través das redes sociais, no marco da campaña "Compostela en negro", con motivo do 25 de novembro. Xunto á peza audiovisual, protagonizada por homes, vanse difundir en redes distintas frases e reflexións sacadas das entrevistas, como "Vou cambiar", "Eu tamén fago autocrítica", ou "Non axudo. Fágoo". Na presentación tamén estiveron presentes, Cruz Dafonte, coordinadora da campaña nos Centros socioculturais do Rural; e a técnica do Concello, María Pose.

Na presentación proxectáronse 3 minutos da peza audiovisual. Está previsto que se leve a cabo unha proxección do vídeo completo o mércores 25 ás 16.30 h. na Sala Magán do Centro Sociocultural de Santa Marta con aforo reducido, conforme á normativa anticovid. As persoas interesadas, poden reservar praza o 24 de novembro no teléfono 981 543 017.

Segundo explicou Mercedes Rosón, un "dos obxectivos dos vídeos é mostrar a realidade actual en materia de igualdade, e de coidados; polo que, por primeira vez, as entrevistas se realizaron a homes, un factor que críamos necesario para poder mudar a situación e desencadear unha reflexión mais profunda". Sinala a concelleira que "ademais do empoderamento feminino precisamos que toda a sociedade se implique e reflexione máis profundamente para erradicar a violencia de xénero. Este é o principal motivo polos que decidimos implicar a quen son e van ser actores principais e compañeiros nese cambio".

Trátase, engadiu Mercedes Rosón, "dun exercicio imprescindible para que se vaian correxindo e superando os problemas derivados da desigualdade, entre eles esa terrible lacra que é a violencia machista".

Pola súa banda, Cruz Dafonte incidiu en que "non é necesario dicir que se loita contra o machismo, hai que demostralo. As reflexións que fixemos cos homes son autocríticas, que nos indican que o cambio ten que vir desde dentro".

No vídeo participan José Manuel Pichel Patiño, concelleiro de Medio Rural; Gustavo Couto Rodríguez, profesor de música e baile tradicional; Antonio Ramón Fernández González, membro da directiva de FERUSA; e Presidente da Asociación de Veciños Camiño de Santiago; Evaristo Ben Otero, concelleiro do PP; José Puente Iglesias, marido dunha participante nos obradoiros de empoderamento; Xosé Quintáns Couselo, profesor de cociña e Rafael Peña Vidal, activista sindical e ex concelleiro de Medio Rural no anterior mandato; e Óscar Montero Colón, presidente da Asociación de Veciños Santa Mariña de Berdía.

25N
Esta acción contra as violencias machistas, forma parte da campaña Compostela en negro, con motivo do 25 de novembro, Día Internacional contra as Violencias Machistas. Nesta campaña desenvolveranse outras tres accións:

En colaboración co Colexio de Farmacéuticos da Coruña, levarase a cabo o reparto de aproximadamente 4.500 máscaras, por parte das farmacias de Santiago, do 23 ao 25 de novembro, con logotipos como "Compostela en negro Contra as Violencias", ou "Loito contra o machismo". Tamén se distribuirán outras mil entre colectivos de mulleres e colectivos LGTBI.

#EnNegroDendeACasa. É o cancelo dun traballo de sensibilización no que colabora o Colexio de Psicoloxía de Galicia e o Colexio de Traballo Social, e que se desenvolverá a través dunha microweb, con historias inspiradas en postais, nun momento onde a pandemia obriga a gardar as distancias sociais. Un traballo de concienciación en redes, que inciden na idea "Contra a cultura da violencia, a cultura do coidado".

A gravacion dunha video-performance, na que participa a artista Mónica Mura, para rodear, de forma simbólica, a cidade cunha cinta negra; no que segundo explicou Uqui, é "unha campaña de loito contra as violencias machistas" A cinta, de medio metro de ancho por 30 de longo, irá rodeando, simbólicamente, as casas da cidade vella, a zona nova e os barrios.

A maiores está previsto ler un manifesto, o mesmo 25 de novembro, entre todos os grupos da corporación municipal.

Compartir: