XUNTA DE GOBERNO

O Concello de Santiago asinou este ano convenios con distintas entidades sociais por un importe superior ao medio millón de euros

19/10/2020 Na Xunta de Goberno, reunida hoxe, as concelleiras delegadas de Políticas Sociais e de Igualdade deron conta dos convenios de colaboración asinados polo Concello de Santiago de Compostela con distintas entidades sociais e coa USC por un importe superior ao medio millón de euros. Dos asuntos tratados hoxe informou en rolda de prensa o alcalde, Xosé Sánchez Bugallo.

A concelleira delegada de Igualdade deu conta, en concreto, de tres convenios por un importe total de 50.000 euros asinados coa USC, por 11.000 euros, e coa Fundación Universidade Santiago de Compostela, por un importe de 9.000 euros; a través dos cales se van subvencionar distintos programas e actividades. Tamén informou do convenio asinado con Cáritas Diocesana de Santiago, para o desenvolvemento do programa Vagalume, por un importe de 30.000 euros. Polo que respecta a concelleira de Políticas Sociais puxo en coñecemento da Xunta de Goberno Local os convenios asinados polo concello no ano 2020 con 21 entidades sociais, que ascenden a 514.500 euros. Son:

1. Agadea. Asociación Galega para a Axuda dos Enfermos con Demencia tipo Alzheimer: 3.000 euros.
2. Asociación Fonte da Virxe de Familiares e Amigos dos Enfermos Mentais: 3.500 euros.
3. Banco de Alimentos de Santiago de Compostela: 5000 euros.
4. Aspanaes. Asociación de Pais de Persoas con Trastorno de Espectro Autista TEA da provincia da Coruña: 3.000 euros.
5. Fundación Down Compostela. 10.000 euros.
6. Centro Cultural Social Xoan XXIII. Albergue. 60.000 euros.
7. Asociación de persoas Xordas de Santiago de Compostela. 10.000 euros.
8. Fundación Andrea de apoio aos nenos con enfermedades de longa duración, crónicas ou terminais. 3.000 euros.
9. Aspas. Asociación de Pais de Persoas con Discapacidade intelectual: 6.000 euros.
10. Ilustre Colexio de Avogados de Santiago de Compostela. 2.000 euros.
11. Alcer. Asociación de Loita contra Enfermidades do Ril da Coruña. 4.000 euros.
12. Acem. Asociación Compostelá de Escleróse Múltiple. 9.000 euros.
13. Fundación Secretariado Xitano. 23.000 euros.
14. Cociña Económica de Santiago: 60.000 euros.
15. Cáritas Diocesana de Santiago. Programa atención primaria. 120.000 euros.
16. Cruz Vermella Española. 75.000 euros.
17. Feafes Galicia. Federación de Asociacións de Familiares e Enfermos Mentais de Galicia. 60.000 euros.
18. Sarela. Asociación de Dano Cerebral Compostela. 3.000 euros.
19. Fundación Monte do Gozo. Proxecto Home. 45.000 euros.
20. Itinera. Asociación Itinera de Voluntarios en Saúde Mental. 5.000 euros.
21. Escola de tempo libre e animación sociocultural Don Bosco. 5.000 euros.

Na reunión tamén se aprobou a proposta de sinatura de covenio entre o Concello de Santiago de Compostela e Ecoembes, para a colocación de novos contedores na vía pública, co obxectivo de fomentar a recollida selectiva. Segundo o documento, Ecoembes entregará contedores de recollida de cartón-papel, por ata un máximo de 3.900 euros; e contedores de envases lixeiros, ata un máximo de 7.400 euros. A compra dos contedores, cuxa propiedade se transmite a favor do concello, será asumida na súa totalidade por Ecoembes.

A maiores, a Xunta de Goberno Local deu o seu visto bó á autorización da renovación de 90 solicitudes para o exercicio de venda ambulante no Mercadiño de Salgueiriños. Tamén se condicionou a autorización a outras 44 solicitudes á aportación da documentación esixida e ao pagamento da taxa correspondente.

Aprobouse ademáis, a proposta do concelleiro delegado de Mobilidade, Gonzalo Muiños, relativa á ampliación da zona de residentes nº 7 de San Lourenzo. En concreto, acordouse a incorporación dos veciños da rúa Presidente Salvador Allende na zona de Residentes nº 7, San Lourenzo, que poderán solicitar e obter o distintivo de residentes, previa solicitude e sempre que cumpran as condicións e requisitos previstos nos artigos 7 e 8 da Ordenanza do Sistema de Ordenación e Regulación do Aparcamento e Aparcamento de residentes. A maiores, proponse ampliar a zona de aparcamento para residentes a toda a marxe dereita da citada rúa en horario de 21:00 h. ata as 09:00 h.

Na Xunta de Goberno Local tamén se concederon dúas licenzas: para a execución das obras dun muro nunha parcela situada na Vía Isaac Peral; e para a legalización dun almacén agrícola localizado no lugar do Barral. Por último, aprobaronse distintos beneficios fiscais relativos ao Imposto sobre o Incremento do Valor dos Terreos de Natureza Urbana (IIVTNU); ao Imposto sobre Construcións, Instalacións e Obras (ICIS), ao Imposto de Bens Inmobles (IBI), ao Imposto sobre Actividades Económicas (IAE) , ao Imposto sobre Vehículos de Tracción Mecánica (IVTM). En relación ao imposto de plusvalías, estimáronse, algúns parcialmente, seis solicitudes de recurso de reposición presentadas por particulares. E finalmente, aprobouse conceder a exención das taxas pola subministración de auga e conservación de contadores, saneamento e depuración de augas residuais, así como prestación do servizo de recollida do tratamento de residuos sólidos urbanos, a 38 particulares, por cumprir os requisitos esixidos.

Documentos relacionados



Compartir: