IGUALDADE

Santiago súmase ao Día Internacional das Mulleres Rurais cunha declaración institucional consensuada por todos os grupos da Corporación Municipal

15/10/2020 Santiago de Compostela sumouse hoxe ao Día internacional das Mulleres Rurais, coa lectura dun manifesto na Praza do Obradoiro, consensuado por todos os grupos da Corporación Municipal, no que, entre outros puntos, se amosa o compromiso do concello en continuar traballando para a promoción de actuacións programas e estratexias dirixidas a garantir oportunidades laborais das mulleres do rural, e facilitar medidas de conciliacion e corresponsabilidade que permitan o seu pleno desenvolvemento persoal, familiar e laboral. Na lectura do manifesto interviron o alcalde Xosé Sánchez Bugallo, a concelleira de Igualdade en funcións, Marta Abal; María Castelao, do Grupo Popular; Marta Lois, de Compostela Aberta; e Goretti Sanmartín, portavoz do BNG local.

Marta Abal comezou sinalando que con este manifesto, o concello de Santiago súmase "ás voces que chaman á reflexión en torno ao papel das mulleres no medio rural e que urxen a adoptar medidas apropiadas para garantir unha mellora na situación das mulleres nas zonas rurais". Recordou que o municipio componse de 29 parroquias nun territorio que se extende 223 quilómetros cadrados, o que dificulta o acceso das mulleres rurais a servizos básicos e as opcións de benestar dos espazos urbanos.

A concelleira de Igualdade en funcións, en substitución de Mercedes Rosón, engadiu que no momento actual, "no que a irrupción da COVID-19 xerou unha crise histórica a nivel sanitario, económico e social é necesario reorientar a estratexia de país e resulta inaprazable acordar unha folla de ruta que asegure o desenvolvemento de medidas dirixidas a implementar, nuns casos, e protexer, noutros, a transversalidade de xénero". Unha estratexia, engadiu Marta Abal, que "reverta a tendencia ao desmantelamento dos servizos e infraestruturas esenciais do rural".

María Castelao, do Grupo Popular, leu a segunda parte da declaración, na que se incide, novamente, en que o despoboamento e a igualdade de xénero no ámbito rural deben estar no centro da axenda política. "Ter un medio rural vivo, é un ben para o conxunto da sociedade, e iso so será posible se as mulleres teñen un espazo propio no que desenvolver o seu proxecto vital", engadiu.

Sinalou, ademáis, que "a loita contra o despoboamento, a mellora do tecido económico, a sostibilidade, a preservación do entorno e da cultura non serán posibles, se non contamos coas mulleres rurais na estratexia de desenvolvemento ligada ao decenio da agricultura familiar". María Castelao concluiu sinalando que "a España rural segue sendo unha España de homes" , polo que cómpre "tomar conciencia da desigualdade, a vulnerabilidade e a invisibilidade que sofren as mulleres" principal obstáculo para a sustentabilidade das áreas rurais.
Unha invisibilidade máis acrecentada, segundo sinalou Goretti Sanmartín, a seguinte en ler o manifesto, "cando se trata do colectivo LGTBI. De aí a necesidade dunha maior visibilización e dun total apoio a todas as formas de ser muller no rural: lesbianas, bisexuais, ou trans", engadiu.

No que ao Concello de Santiago se refire, a portavoz do BNG local destacou que "o rural compostelán presenta numerosas carencias e falta de servizos básicos que a veciñanza e as súas asociación levan trasladado desde hai tempo para que sexan tamén centro das políticas municipais". E hoxe, continuou "eses servizos non son unicamente o saneamento e abastecemento senón tamén a fibra óptica e acceso a Internet. Abordar estes retos debe ser, pois, un compromiso desta institución", concluiu.

Marta Lois, de Compostela Aberta, asegurou que "o empoderamento das mulleres e das nenas que habitan o medio rural é clave para o logro da Declaración e a Plataforma de Acción de Beijing, da Axenda 2030 para o Desenvolvemento sustentable e dos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable contidos nela". Esta é a folla de ruta, continuou lendo "cara a un futuro que asegure o dereito á terra, á alimentación e a nutrición de calidade e en cantidade suficientes, a vivir libre de toda forma de violencia e discriminación, ao acceso á saúde e á educación, a elixir e a ser elixible".

A portavoz de Compostela Aberta rematou sinalando que "a pesar de todas estas enormes desigualdades e dificultades, desde o Concello de Santiago vimos demostrando responsabilidade de Estado no noso compromiso inequívoco de servizo á cidadanía, na nosa defensa dos valores constitucionais e no noso empeño en avanzar mediante políticas locais de igualdade cara a un futuro limpo de inxustiza social".

A lectura da declaración rematouna o alcalde de Santiago. Xosé Sánchez Bugallo recordou que con esta declaración, "adherímonos á Declaración da FEMP con motivo do Día Internacional das Mulleres Rurais, e sumámonos a todas as voces que claman por un futuro en igualdade". Recoñécese tamén engadiu, "o papel esencial das mulleres para asentar a poboación, para loitar contra o envellecemento dos nosos pobos e defendemos o seu visibilización e empoderamento como estratexia para o cambio social, económico e cultural necesario para a construción dun futuro en igualdade".

Sánchez Bugallo rematou a lectura cos compromisos de continuar traballando en estratexias que permitan o desenvolvemento persoal, familiar e laboral das mulleres do rural; de continuar coa inclusión da perspectiva de xénero en todas as politicas locais; de facer realidade as reclamacións que desde a FERUSA se veñen efectuando e de "situar as políticas de desenvolvemento do medio rural no centro das nosas políticas" A declaración concluiu cunha reivindicación: a necesidade de garantir o financiamento suficiente para levar a cabo as competencias en materia de igualdade e asegurar a implementación de todas as iniciativas necesarias para garantir a igualdade efectiva das persoas en todos os municipios españois.

Compartir: