TRÁFICO

A Policía Local súmase a campaña da DXT de vixiancia e control de camións e autobuses

11/10/2020 O concello de Santiago de Compostela, a través do departamento de Tráfico, colabora na "Campaña Especial de vixiancia e control de camións e autobuses", que levará a cabo a Dirección Xeral de Tráfico (DXT). A citada campaña, que comeza hoxe, día 12, desenvolverase ata o 18 de outubro.

A condución destes vehículos non é igual que a dun turismo; o comportamento dinámico é diferente, sobre todo se vai cargado. Neses casos, a suxeción da carga é vital, xa que calquera desprazamento da mesma incide sobre a estabilidade do vehículo por desprazamento do centro de gravidade. Entre este tipo de vehículos, é máis alta a incidencia de saídas da vía e basculacións que pode explicarse pola excesiva ou mala colocación da carga.

A pesares de que o 68% do parque de vehículos no noso país son turismos, o transporte de mercadorías (camións e furgonetas) ten un peso importante no que a seguridade viaria se refire, xa que representa o segundo tipo de vehículos máis numeroso que circula polas nosas estradas (14% do total do parque) e están implicados no 17% dos accidentes con vítimas ocorridos no ano 2018. O parque de autobuses representa ao redor do 1% do total do parque automobilístico, estando implicados no 2% dos accidentes con vítimas. Este dato, unido a un maior índice de letalidade no caso de accidentes con vehículos de mercadorías de máis de 3.500 quilogramos, leva á Dirección Xeral de Tráfico a pór en marcha esta campaña de vixiancia.

A DXT considéra que a participación dos municipios é fundamental para o éxito dascampañas, porque, sinalan,ademais de axudar a reducir os números de feridos e falecidos en accidentes de circulación, contribúen a ter unha idea máis exacta da incidencia e a súa evolución a nivel nacional.

Compartir: