COMERCIO

O Concello colabora na campaña "Merca e gaña en Punto Compostela" que se desenvolverá ata o 31 de outubro

08/10/2020 A Asociación Comercio Punto Compostela en colaboración co Concello de Santiago e a Federación Galega de Comercio acaban de pór en marcha a campaña "Merca e Gaña en Punto Compostela". O obxectivo da iniciativa, presentada esta mañá, é dinamizar as vendas nos establecementos adheridos a esta entidade, premiando aos consumidores que merquen nas datas que comprende a campaña (entre o 3 e o 31 de outubro) e que rexistren a súa compra en www.mercaeganasantiago.com. Entre eles sortearanse 3.000 euros, repartidos en tarxetas prepago de 200 e de 100 euros, que deberán ser empregadas para volver mercar nos establecementos asociados.

A campaña foi presentada polo presidente da Asociación Comercio Punto Compostela, José Antonio Seijas, e polo o alcalde compostelán, Xosé Sánchez Bugallo. O rexedor sinalou que desde o inicio da crise sanitaria, o goberno municipal vén traballando coas distintas entidades comerciais para minimizar o impacto económico das medidas anticovid-19, cun programa de axuda á reactivación comercial xa en marcha, no que se van investir uns 500.000 euros, aproximadamente; e que contempla, entre outras accións, bonos de aparcamento para a clientela dos comercios, pago de xuros, campañas de dinamización, ou subvencións á innovación. Tamén se está últimando, explicou, o programa de Nadal no que destacará a iluminación, porque, engade, "nun ano como este", de crise económica, "é cando máis falta fai". O obxectivo é, continúa, "que a cidadanía poida desfrutar do comercio tradicional e da hostalería", nunha contorna segura. Porque, sinala, unha cidade como Santiago "non se pode entender sen o comercio", un sector que "xera calidade de vida". O rexedor rematou animando a todos os composteláns a mercar no comercio tradicional.

Unha mensaxe na que tamén incidiu o presidente da Federación Galega de Comercio. José María Seijas, que tamén interveu no acto de presentación, destacou a importancia de concienciar ao consumidor da necesidade de apostar polos establecementos locais e de que o consumidor/a recupere a confianza, xa que mercar nas tendas, engadiu "é seguro". De ahí a oportunidade de iniciativas como "Merca e Gaña", campañas en positivo, que fomentan o consumo, que dinamizan a cidade e que poñen en valor o sector.

"Merca e Gaña en Punto Compostela" desenvolverase entre o 3 e o 31 de outubro de 2020. A difusión desta campaña realízase a través de cartelería repartida nos establecementos asociados e tamén nas redes sociais, a través do hastag #mercaeganasantiago. A información da actuación pode consultarse na web www.mercaeganasantiago.com, onde se poden rexistrar os tickets de compra para participar no sorteo, que terá lugar o 6 de novembro.

Compartir: