URBANISMO

A proposta municipal de rehabilitación para a rúa da Caramoniña recibe o premio do Concurso de Arquitectura Driehaus

08/10/2020 A proposta municipal de rehabilitación para a rúa da Caramoniña acaba de recibir un dos galardóns do Concurso de Arquitectura Driehaus, que se entregaron xunto aos Premios das Artes da Construción no salón de actos do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, en Madrid, nunha cerimonia presidida polo Secretario Xeral de Axenda Urbana e Vivenda, David Lucas, con aforamento restrinxido e cumprindo con todos os protocolos sanitarios. O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, agradeceu a distinción.

Nun video emitido durante a gala recordou que Santiago, desde os anos oitenta, ven apostado "decididamente" por políticas de rehabilitación e de calidade" tanto nos espazos públicos como nos privados. O obxectivo, sinala, é transmitir ese gran patrimonio histórico co que conta a cidade, "ás xeracións futuras en mellor estado de conservación do que o recibimos nós".

A iniciativa premiada foi "Hydrangea", realizada polo equipo de Eva Niño, Elia San Román e Carmen Carral. Propón rehabilitar unha área do centro histórico infrautilizada e mal conectada. O proxecto recupera varias construcións, hoxe en ruínas, para destinalas a vivendas para artistas. Ademais, conecta sutilmente esta zona co parque de San Domingos de Bonaval e rehabilita un almacén municipal transformándoo nun espazo con utilidade para taller ou exposicións. Sánchez Bugallo amosouse convencido de que esta iniciativa, "coherente co espíritu, coa tradición da cidade" e "coa preservación do noso patrimonio" convertirá esa zona de Caramoniña nun espazo singular do que se poderá desfrutar.

A cerimonia de entrega de premios comezou coa intervención virtual desde Chicago do promotor de ambas as iniciativas, o mecenas Richard H. Driehaus. Relatou que se sinte inspirado "cada vez que vexo o traballo sobresaliente dos homenaxeados tanto nos Premios das Artes como no Concurso de Arquitectura. Ademais de admirar a beleza, a calidade e a pericia do traballo dos galardoados, é un pracer coñecer a persoas tan talentosas e apaixonadas. O seu profundo amor pola súa profesión é obvio. Esta paixón polo seu traballo é especialmente útil cando se enfrontan a desafíos adicionais, incluída a falta de recoñecemento e comprensión. Espero que estes premios boten luz sobre os seus moitos logros".

Os primeiros en recibir as distincións foron os premiados do Concurso de Arquitectura Driehaus, dotados con 12.000 euros cada un, que durante o últimos catro anos contribuíron a recuperar a arquitectura tradicional en localidades españolas. Este ano os emprazamentos seleccionados foron Santiago de Compostela, co citado proxecto de Caramoniña, Alzira e Guadix. A continuación, entregáronse os galardóns dos Premios das Artes da Construción, dotados con 10.000 euros cada un.

Compartir: