POLÍTICAS SOCIAIS

A Asociación de Cancro de Mama Metastásico reclama "Máis investigación para máis vida"

06/10/2020 A concelleira de Políticas Sociais, Mila Castro, presentou hoxe no Pazo de Raxoi a campaña "Máis investigación para máis vida", organizada pola Asociación de Cancro de Mama Metastásico para reclamar novas vías de financiamente para coñecer un cancro que afecta a 100.000 mulleres en España. A concelleira estivo acompañada pola presidenta da Asociación, Pilar Fernández Pascual; pola vogal en Galicia, Araceli Oubiña; e polo cantante de Inmaculate Fools, Kevin Weatherill, que apadriña a iniciativa.

A asociación constituíuse no mes de febreiro de 2018, por iniciativa dun grupo de pacientes de cancro de mama avanzado de España. É a primeira asociación deste tipo que existe en Europa, e o seu ámbito é nacional. "Desde o Concello de Santiago súmamonos á súa reinvindicación" de máis apoio a unha doenza que supón o 20% dos cancros de mama que se detectan, indicou a concelleira.

Pilar Fernández, que participou por videoconferencia desde Oviedo, salientou que "a nosa historia comeza fai máis dun ano, cando un grupo de pacientes se unen nunha páxina de Facebook, para prestarse apoio e intercambiar información e opinións. O grupo comeza a crecer, e ábrense novas páxinas nas redes. Créase unha páxina de familiares e coidadores, outra de información pública, Twitter e Instagram. Existe ademais un blog que en poucos meses tiña xa máis de 2000 seguidores. Aos poucos comezan a incorporarse pacientes doutros países".

En outubro de 2017, cando o colectivo está xa formado por máis de 280 mulleres de seis países, (na actualidade son máis de 600) decidiron, con motivo do mes do cancro de mama, impulsar unha campaña para concienciar e dar a coñecer á xente esta enfermidade e solicitar máis investigación para a mesma.

Así xorde "Máis investigación para máis vida": máis de 180 persoas de diferentes países, entre pacientes e familiares, realizáronse fotografías con fondo neutro e camiseta branca portando carteis reivindicativos co hashtag que dá nome a campaña. Con estas fotos, realizáronse 6 vídeos "que en poucos días xe fixeron virais na rede. A campaña, foi visualizada e compartida por máis de 20.000 persoas", indicou a vogal da Asociación en Galicia, Araceli Oubiña, que lembro que "o noso obxectivo ademais de difusión, era recadar 10.000 euros para un proxecto de investigación. Ao peche de campaña obtivéronse máis de 50.000 euros, que xa foron doados para un proxecto de creación dunha seroteca no hospital Vall d'Hebron, dirixido pola Dra. Saura, que permitirá realizar diferentes tipos de investigacións sobre o cancro metastásico".

Esta iniciativa contou co apadriñamento de Kevin Wheatherill, líder do grupo Inmaculate Fools, que cedeu a música que pon a banda sonora ao vídeo. O cantante amosouse moi agradecido e moi satisfeito por poder contribuír a esta iniciativa.

Documentos relacionados



Compartir: