POLÏTICAS LINGÜÍSTICAS

Aberta a inscrición no obradoiro de acollemento lingüístico que organiza o Concello

06/10/2020 O próximo 13 de outubro empezará un obradoiro para persoas adultas que procedan doutras comunidades lingüísticas e queiran realizar un primeiro achegamento á lingua galega e á realidade cultural e social de Galicia. Esta actividade, gratuíta pero con prazas limitadas, foi presentada en rolda de prensa polo concelleiro de Normalización Lingüística, Rubén Prol.

O obxectivo do obradoiro, sinalou o concelleiro, "é facilitar destrezas básicas para a compresión oral e escrita e un coñecemento inicial de historia, xeografía e aspectos prácticos como a estrutura administrativa ou os recursos ao dispor das persoas que veñen vivir á nosa comunidade". A actividade é gratuíta mais con prazas limitadas.

O horario é de 10.30 a 12.30 horas, os martes e xoves a partir do 13 de outubro, durante 18 sesións (13, 15, 20, 22, 27 e 29 de outubro, 3, 5, 10, 12, 17, 19, 24 e 26 de novembro e 1, 3, 10 e 15 de decembro).

As aulas serán no ESPAZO APEGO (local municipal da rúa da República do Salvador, 12 – entresollado).

A inscrición cómpre facela cubrindo completo o formulario ao que se pode acceder desde a web do Departamento de Lingua: delingua.santiagodecompostela.gal

As 20 prazas dispoñibles asígnanse por orde de chegada das inscricións e confirmaránselle a cada persoa mediante unha mensaxe ao correo electrónico que indique no formulario.

Convócase logo do éxito do primeiro destes obradoiros, inicialmente previsto entre marzo e xuño e realizado finalmente entre xuño e setembro, no que se contou con participantes de Colombia, Uruguai, Porto Rico, Perú, Cuba e Madrid. As 11 persoas que o remataron manifestaron mesmo interese por continuar avanzando no seu proceso de aprendizaxe e práctica con iniciativas de conversa.

Outras actividades no Espazo Apego en outubro
No Espazo Apego desenvólvense maioritariamente actividades relacionadas coa crianza e para as crianzas, en galego e que fomentan o seu uso. Ofrécense unha serie de propostas continuadas semana a semana dirixidas ao tramo de idade 0-6, e outras máis específicas, relacionadas coa formación ou o debate sobre variados aspectos da crianza para nais e pais e tamén algún espectáculo de pequeno formato.

Todos os martes de 17 a 18.30 h hai Tardes de contos (para bebés de 0 a 3 anos).

Todos os mércores ás 17.30 h en A familia vai á escoliña! (para nais, pais ou persoas encargadas da crianza de nenos e nenas ata 6 anos) ofrécense charlas e obradoiros prácticos::
• 7 de outubro. Xogo libre e material non estruturado. Obradoiro teórico-práctico con participación das nenas e nenos.
• 14 de outubro. Ideas para medrar en igualdade. Faladoiro sobre a importancia da imaxe, da linguaxe, do xogo e dos xoguetes na tarefa de educar en valores.
• 21 de outubro. O programa Apego: información, recursos e actividades para criar en galego
• 28 de outubro. A vaca Paca cóntanos en que consiste a enfermidade celíaca. Conto onde se vai expor a problemática da celiaquía na infancia.

En paralelo coas charlas do 14 e do 21 de outubro abrimos o espazo Enredando para ofrecer unha alternativa de conciliación ás familias que asistan e teñan nenos e nenas entre 2 e 6 anos, no que se promove a socialización e a expresión verbal, xestual, corporal… manexando ditos, cancións, xogos, xoguetes…

Os xoves alternos ás 17.30 h dedicámolos ás actividades artísticas con participación de profesionais, Os xoves de función! (para nenos e nenas ata os 6 anos):
• 1 de outubro. Contando números, cantando cores con Pablo Díaz (de 3 a 6 anos). Espectáculo musical para reflexionar sobre a igualdade de oportunidades entre nenos e nenas, entre maiores e pequenas, sobre a equidade e sobre o respecto ás persoas desde o comezo da vida.
• 15 de outubro. O xogo de Nano con Raquel Queizás (de 0 a 4 anos). Nanoconto onde a coñecida ra Nano vai festexar o seu aniversario.
• 29 de outubro. Brinca vai! con Paco Nogueiras (a partir de 3 anos). Música para encher un camiño con pasos grandes, pasos pequeniños, con carreiras de chimpos, con risas, con bailes, con notas…

E o resto dos xoves, de 17 a 18,30 h, teremos aberto o Enredando para os nenos e nenas de 3 a 6 anos.

Os venres de 17 a 18.30 h convocamos Xogos de palabras (para crianzas de 3 a 6 anos) para coñecer a contorna a través dos ditos dos xogos tradicioanais, das palabras faladas e cantadas.

Todas estas actividades son de balde, están abertas a calquera persoa que desexe inscribirse e poden verse todas as especificacións de como facelo na nosa web: delingua.santiagodecompostela.gal, ou na do Apego www.apego.gal. As prazas son limitadas polo propio contido das das propostas e as idades dos participantes mais tamén, nestes momentos, para garantir as medidas de prevención da COVID. Por iso, é importante, seguir as indicacións estritamente para poder asistir.

A información sobre todas estas convocatorias, como vén sendo habitual, achégaselles por correo ás familias inscritas no programa Apego en Santiago como un xeito de apoiar o seu labor educativo en galego con espazos de socialización e lecer na nosa lingua.

Xa van alá cinco anos da posta en marcha deste programa cooperativo entre varios concellos para promover e arrequecer o uso da lingua galega na primeira infancia que se fundamenta en tres peares: achegar información, argumentos e redes de soporte ás familias que se interesan pola crianza en galego, apoialas con recursos e facilitarlles a asistencia a actividades.

Pódese afirmar que se trata dun programa moi ben acollido na medida en que responde ás demandas dun gran número de familias compostelás. Conta con 500 familias directamente inscritas no noso concello, que participan en multitude de actividades de lecer, formación e información no tempo que se leva de andaina. No que vai de ano, malia a suspensión que supuxo a pandemia, leváronse a cabo un total de 57 actividades abertas ás familias con nenas e nenos ata 6 anos, 51 delas no Espazo Apego, organizadas desde o Departamento de Lingua Galega, que xestiona o programa.

A razón básica pola que se incide especificamente no sector familiar é a alarma que achegan os datos demolingüísticos que amosan que o retroceso do galego é cada vez máis acelerado, e onde se están evidenciando dúas dificultades moi relevantes: a ruptura da transmisión interxeracional e o uso decrecente do galego na poboación máis nova.

Compartir: