ALCALDÍA

O alcalde reitera a aposta polo centro biotecnolóxico do parque da Sionlla para "diversificar e ampliar a base económica da cidade"

26/06/2020 O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, expresou a súa satisfacción pola aprobación onte, no Consello da Xunta, da achega autonómica de algo máis de 4 millóns de euros para o centro biotecnolóxico Sionlla Biotech, promovido pola Asociación Área Empresarial do Tambre no parque empresarial da Sionlla. Reiterou o compromiso municipal para sacar adiante estas instalacións, que se construirán nun terreo cedido polo Concello de Santiago.

Para Sánchez Bugallo, este centro é "moi importante para diversificar e amplificar a base económica da cidade", mediante unha "industria vinculada á biotecnoloxía, unha das apostas de futuro da cidade". Por iso, anunciou que hoxe mesmo se ía remitir á Asesoría xurídica o proxecto de convenio a subscribir entre o Concello e a Área Empresaria do Tambre para impulsar este centro, que se levantará nunha parcela municipal cedida ao efecto.

Ademais da maior celeridade na posta a disposición dos terreos, o alcalde anticipou a posta en marcha doutras iniciativas en relación a esta infraestrutura, que facilitará laboratorios de investigacións e outros equipamentos e instalacións de uso común a empresas biotecnolóxicas e institucións de servizos.

Satisfacción por Prima20
O rexedor tamén aproveitou a súa habitual rolda de prensa dos venres para amosar a súa satisfacción pola marcha de Prima20 e, sobre todo, polo feito de que "as asociacións de comerciantes estean traballando todas xuntas co Concello para promover o comercio local".

Igualmente en relación coas asociacións comerciais e preguntado polo bonoparking, Sánchez Bugallo explicou que se están preparando os convenios con cada unha destas entidades e que se aprobarán a semana que vén. En paralelo, dixo, "as asociacións están pechando os acordos entre elas e os parkings, buscando fórmulas para que non teñan que anticipar o pagamento, senón que se poida aprazar para que coincida co momento no que o Concello lles abone as cantidades ás asociacións".

Sen abandonar o ámbito do consumo, o alcalde referiuse aos datos do Observatorio Abanca, que ao seu xuízo son moi coincidentes cos facilitados pola aplicación do Banco Sabadell Gallego en relación á recuperación do uso das tarxetas para o pagamento "a niveis semellantes e mesmo lixeiramente superiores a antes da crise da Covid-19". Indicou que, iso si, "o reparto é desigual", cun "Ensanche que se está recuperando moi ben, pero cunha zona histórica á que lle está custando máis, algo que está moi en relación coa situación do turismo".

Nova normalidade no mercado de Salgueiriños
Sánchez Bugallo tamén se referiu ao mercado de Salgueiriños e á súa volta o pasado xoves a "unha normalidade que non pode ser a volta á situación anterior, senón a unha normalidade nova", que pasa por "un mercado ben organizado, con espazos amplos para que os peóns circulen con seguridade en ambas direccións". Reiterou que isto "redundará en beneficio da oferta e dos propios comerciantes". Este xoves instaláronse 94 postos dos 137 dispoñibles. Téñense presentado 128 solicitudes de autorización.

Se ben esta semana o estacionamento foi gratuíto, para a próxima anunciou o establecemento dun "prezo simbólico", aínda por decidir entre os 0,50 ou 0,75 euros para aparcar durante toda a mañá.

Servizo de recollida do lixo
A preguntas sobre as reivindicacións laborais do comité de empresa do servizo de recollida do lixo, o alcalde pediu "non confundir os papeis" e distinguiu entre a "defensa dos seus dereitos laborais dos traballadores" e a "defensa do servizo público, pola que vela a Administración". En calquera caso, aseguroulles aos/ás traballadores/as que, no novo contrato, "os seus dereitos laborais van quedar preservados e garantidos". Aproveitou tamén para facer "un recoñecemento expreso" ao "excelente traballo" destes/as traballadores/as na etapa da Covid-19.

Ademais, indicou que "nós somos os primeiros en lamentar situación dun contrato que cumpre 15 anos, con vehículos e colectores que non están en condicións". Por iso, dixo, "é urxente e unha prioridade sacar a licitación este servizo e farémolo en xullo ou setembro, porque o servizo non dá máis de si".

Direcciones relacionadas



Compartir: