FESTAS

A carroza "Mad Max" e a comparsa "Vikings Conxo" gañan o concurso do desfile do Entroido

25/02/2020 Compostela viviu o día grande do Entroido con tradicional desfile polas rúas da cidade. Os participantes concentráronse na avenida de Ferrol para logo desfilar polas rúas de Frei Rosendo Salvado, praza Roxa, República do Salvador, Hórreo, Senra e avenida de Xoán Carlos I. Este ano destacou a participación dos barrios e parroquias coas súas diversas comparsas. A entrega de premios celebrouse na Sala Capitol, coa presenza do alcalde, Xosé Sánchez Bugallo, e doutros integrantes da Corporación.

A triunfadora da noite na modalidade de carrozas foi a denominada "Mad Max", de Carnavaleiros da Baña, que levou o premio de 3.000 euros. Segunda e terceira clasificadas quedaron "O Imperio de Nefertiti", de A Rueirada de Louro, e "Peter! Voamos", que levaron, respectivamente, 2.000 e 1.000 euros.

Na categoría de comparsas, o xurado elixiu como gañadora a titulada "Vikings Conxo", de Conxo Aberto, que recibiu un galardón de 2.500 euros. "Fadas e grilos", de Armatroulas, e "Dando luz ao Carnaval", de Ciklón, quedaron en segundo e terceiro lugar, levando 2.000 e 1.000 euros, respectivamente.

Tamén recibiron premios especiais as mellores comparsas dos barrios e parroquias de Santiago de Compostela, que se fixeron con 1.000, 800 e 600 euros como agasallo. As triunfadoras foron, por esta orde, "As froitas da Ruliña", de A Ruliña de Laraño; "O cambio climático", de Colexiata do Sar; e "Éche o que hai".

O xurado elixiu a "Viaxando ao Entroido", "Tormenta anunciada" e "Pokemon" como os mellores grupos caracterizados. Para eles foron os premios de 800, 400 e 200 euros.

A parella máis orixinal foi a denominada "Manter vivos os recordos", que recibiu un premio de 400 euros. Finalmente, os mellores disfraces individuais foron "O trasgo e o seu bebé dragón", "O dragón máxico de reciclaxe" e "Luces, cámara, acción", premiados con 300, 200 e 100 euros, respectivamente.

Queima do Meco
O Entroido 2020 remata este mércores co acompañamento do Meco dende o Toural ata a praza Roxa, onde arderá despois dun percorrido cunha comitiva de loito e co acompañamento musical da Ruliña de Laraño, Os Armatroulas e a Charanga BB+.

Compartir: