ALCALDÍA

O Auditorio pon en marcha a campaña "Agasalla Compostela Cultura"

20/12/2019 O Auditorio de Galicia, organismo autónomo que xestiona a Concellaría de Acción Cultural, puxo en marcha hoxe a campaña Agasalla Compostela Cultura. A idea é que todos e todas as composteláns agasallen cultura nestas festas e por iso, á programación de abono 2019-2020 xa á venda desde inicio de curso, únense máis propostas musicais de diversos estilos, así como a programación de Artes Escénicas completa do 2020 que dende hoxe está xa á venda na web compostelacultura.gal. Para que o agasallo luza como piden estas festas, póñense a disposición dos e das compostelás tarxetóns e sobres para que poidan levar as súas entradas e abonos.

As entradas poden mercarse dende a páxina web compostelacultura.gal ou nos despachos de billetes do Teatro Principal e do Auditorio de Galicia. Nestas dúas billeteiras é onde tamén se poden retirar os tarxetóns e sobres, nos seus horarios habituais. A do Teatro Principal está aberta de martes a sábado (+ días de evento) de 18:00 a 21:00 h e a do Auditorio de Galicia os días de evento dende unha hora e media antes de que comece o mesmo. A idea é que o público pase polo despacho de billetes mercar as súas entradas (ou as merque dende a páxina web) e retirar o sobre e tarxetón, para así poder facer o agasallo cun bonito envoltorio.

A programación de abono da Real Filharmonía de Galicia-Auditorio de Galicia está xa a venda dende inicio de curso e aínda quedan varias modalidades de abono que poder adquirir, ademais das entradas soltas. Tamén están á venda xa cinco concertos máis de diferentes estilos musicais no Auditorio de Galicia para os primeiros meses do ano: Albert Pla e o seu Miedo o 25 de xaneiro; Michel Camillo o 15 de febreiro; Pablo Milanés coa súa xira Esencia o 21 de marzo; Lina e Raül Refree o 27 de marzo; e Sés o 26 de abril, presentando o seu novo traballo Liberar as arterias. Algúns destes concertos teñen as entradas á venda en ataquilla.com, pero os que así o desexen poden pasar igualmente polo material de agasallo para eles.

Programa Á escena! 2020 xa á venda
E dende hoxe mesmo están á venda todos os eventos de Á escena!, o programa de Artes Escénicas de Compostela Cultura. Un total de 22 espectáculos de teatro, danza e circo clasificados nas seguintes liñas temáticas: EscenaGZ, TerritoriodasMulleres e Clásicos?. Unha ampla gama de eventos para que este Nadal os composteláns e compostelás se animen a agasallar Compostela Cultura.

Nel atopamos dende a diversa abordaxe que nos mostran de Shakespeare, que vai dende a comedia física do Hamlet de Chapitô, pasando pola aposta polo gran formato de PT Excéntricas co seu Medida x Medida, ata a proposta máis "clásica" do Macbeth. O ruido e a furia de Estudo Momento.

Outra das ligazóns mostra un interese polas temáticas que teñen a opresión da muller como protagonista, dende a violencia máis absoluta das propostas de Teatro do Atlántico, con A conquista da escola de Madhubai, e El Pavón Teatro Kamikaze, con Jauría, ata a falta de liberdade e opresión silenciosa en contextos pechados, familiares, de cotío que nos propoñen Liberto, de Marelas Producións; Ana, también a nosotros nos llevará el olvido, de Unahoramenos; ou Mrs. Dalloway, de Entrecajas. O Leira de Nova Galega de Danza dialoga co Erritu de Kukai Dantza, unha oportunidade de ouro para poder contrastar como as danzas tradicionais e populares dialogaron coa danza contemporánea en Galicia e no País Vasco. E a relación da música e o movemento está presente en Directo9, de Pisando Ovos, e Mercedes mais eu, de Janet Novás e Mercedes Peón, dúas reflexións sobre a música, os corpos e a creación dende a vangarda absoluta feita en Galicia.

Teremos a estrea absoluta de O mel non caduca, de Ibuprofeno Teatro; Spotlight, de Can Cun Quinqué; e O mozo da última fila, de Redrum Teatro, e a estrea en Galicia de Deje su mensaje después de la señal, de Tanttaka Teatroa. Poderemos ver O Montacargas, de Ainé Producións e Acusmaser Opus; O electo, de Contraproducións; ou o Falar por falar, de Volta e Dálle. José Sacristán chegará a Compostela co seu Señora de rojo sobre fondo gris; Aitana Sánchez Gijón con Juana, da man do Teatro Español e Losdedae; e Matarile Teatro presentará o seu Daimon y la jodida lógica.

Ademais, únense outros cinco espectáculos enmarcados tamén no programa En Familia e dirixidos a todos os públicos: o Concerto con fusión, da Banda Municipal de Música con Píscore; , de Xampatito Pato; a Gran Gala do Circo de Compostela; Lar (la casa, el hogar), de Lasal Teatro; e Emportats, de La Trócola Circ.

Compartir: