ALCALDÍA

Catro axentes da Policía Local incorporaranse na primavera ao VioGén

19/12/2019 O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, e a subdelegada do Goberno na Coruña, Pilar López-Rioboo, presidiron a Xunta Local de Seguridade, reunida no Pazo de Raxoi. Ademais de analizar os datos da evolución dos delitos no que vai de ano e de perfilar o dispositivo de seguridade para os actos protocolarios e festivos dos vindeiros días, na xuntanza abordouse a incorporación da Policía Local ao Sistema VioGén (Sistema de Seguimento Integral nos Casos de Violencia de Xénero).

Tal como explicaron o alcalde e a subdelegada do Goberno, a Policía Local comeza agora a súa formación, da man da Policía Nacional, co obxectivo de completala no primeiro trimestre do ano e incorporarse así de modo "efectivo" a este sistema VioGén. Sánchez Bugallo anunciou que serán catro axentes os/as que se integren neste dispositivo, inicialmente coa custodia e acompañamento de vítimas de baixo risco. Indicou que traballarán mañás, tardes e fins de semana.

Para máis adiante, explicou o alcalde, quedará a creación dunha mesa de coordinación que asignará os casos entre Policía Local, Policía Autonómica e Policía Nacional. Tamén en relación a este tema, sobre a evolución do número de vítimas de violencia de xénero en Compostela, o alcalde apuntou que a cifra é "moderada" en relación á media das cidades.

Delitos informáticos
Na reunión tamén se analizaron os datos sobre delitos no que vai de ano, constatando un "baixada moderada", en palabras do alcalde. Unicamente están a medrar, dixo a subdelegada do Goberno, as estafas por internet, polo que fixo un chamamento á "educación persoal" da cidadanía para que se utilice "métodos seguros nas súas compras".

Incidindo máis nesta cuestión, o rexedor municipal expresou a súa preocupación polo incremento dos delitos relacionados co phishing (suplantación de identidade), cos cargos por compras en internet e cos cargos indebidos de tarxetas de crédito.
Ademais, Sánchez Bugallo apuntou a preocupación cidadá existente pola actuación de "grupos itinerantes que se moven por diferentes zonas e que buscan establecementos próximos a autopistas ou autovías que faciliten a súa fuxida". "Os dispositivos están funcionando razoablemente e esperamos que as investigación teñan resultado", engadiu.

Dispositivo para os actos do Nadal
Finalmente, tamén se analizou o reforzo dos dispositivos de seguridade para os actos protocolarios e festivos dos vindeiros días. Así, Pilar López-Rioboo deu conta da participación da Unidade de Intervención Policial (UIP) na Ofrenda de Translación e da Unidade de Prevención e Reacción (UPR) na Cabalgata de Reis e festa de fin de ano.

Compartir: