XUNTA DE GOBERNO

Adxudicadas as obras de mellora dos equipamentos deportivos de Figueiras

01/03/2019 Os equipamentos deportivos e sociais de Figueiras van ser sometidos a unha importante mellora, que solucionará os seus problemas de accesibilidade e filtracións de auga. A Xunta de Goberno adxudicou hoxe o contrato para executar ás obras, que custarán algo máis de 255.000 euros procedentes do POS+ 2018 da Deputación da Coruña.

A Xunta de Goberno adxudicou á empresa Mecano Obras y Reformas a actuación, que ten como obxectivo solucionar os problemas que presentan as instalacións deportivas de Figueiras, relacionados coa accesibilidade e co enfouzamento das pistas por mor das escorrentías que proveñen do monte próximo. Para iso, construirase un muro de contención e cubrirase a pista deportiva exterior. Tamén se acondicionarán os vestiarios e as pistas actuais, e dotarase ao espazo dunha nova pista de pádel. O prazo de execución previsto para as obras é de catro meses.

Melloras no alumeado
A Xunta de Goberno tamén acordou hoxe a realización dalgunhas actuacións de mellora no alumeado, dentro do contrato de mantemento que ten adxudicado Ferrovial. Vanse investir case 55.000 euros en reformas na zona de Torrente de Conxo e en Barciela-Marantes, e en ampliacións nas zonas de Vilarmaior, os accesos a Bando de Abaixo e na contorna da Escola Municipal de Música de Vista Alegre.

Licenzas
Na Xunta de Goberno de hoxe tamén se aprobaron importantes licenzas de obras que dependen doutras administracións. Así, concedeuse a licenza para realizar a ampliación do CEIP Lamas de Abade, comprometida pola Consellería de Educación, e na que se van investir máis de 900.000 euros. Tamén se deu luz verde, cos condicionantes impostos por Patrimonio, a dúas novas actuacións na Catedral de Santiago: a restauración das cubertas da ala norte do claustro, orzada en 462.000 euros; e a restauración da fachada sur e oriental do claustro e esconce da torre do Tesouro, que suporá un investimento de 921.500 euros.

Por último, e como se anunciara, a Xunta de Goberno aprobou hoxe o proxecto de reurbanización da rúa Clara Campoamor elaborado por Proyfe. A actuación ten un orzamento dalgo máis de 1,5 millóns de euros, e un prazo de execución de 5 meses.

Documentos relacionados

Direcciones relacionadas



Compartir: