POLÍTICAS SOCIAIS

Gala Solidaria do Festiclown para recadar fondos e "levar a alegría e a risa a onde a humanidade se xoga o seu futuro"

20/12/2018 O Teatro Principal volverá ser o escenario, o próximo día 27, da Gala Solidaria do Festiclown, organizada por Pallas@s en Rebeldía en colaboración co Concello de Santiago. Será un espectáculo cheo de humor, maxia, música e circo, co obxectivo de recadar fondos para facer posible unha nova edición do Festiclown Palestina.

A concelleira de Política Sociais, Diversidade e Saúde, Concha Fernández, foi a encargada de presentar a Gala Solidaria do Festiclown, nunha rolda de prensa na que estivo acompañada por Manuel Roxo e Carlos Fungueiriño, membros de Pallas@s en Rebeldía. A concelleira lembrou que Pallas@s en Rebeldía é un espazo artístico de solidariedade internacional que cre que a alegría e a risa poden ser motores do cambio social, que nos leven a unha humanidade máis xusta". Concha Fernández lembrou o traballo que vén desenvolvendo a asociación "en diferentes lugares do mundo como Chiapas, Tindouf ou Brasil e, dende 2011, co Festiclown Palestina, do que xa se celebraron cinco edicións". Recadar fondos para a edición de 2019 é un dos obxectivos da Gala Solidaria do Festiclown presentada hoxe.

Manuel Roxo explicou que Pallas@s en Rebeldía naceu co convencemento de que "nos lugares nos que a humanidade xoga o seu futuro, nos lugares en conflito, tamén ten que haber espazo para a alegría". Roxo, que participou no Festiclown Palestina deste ano, no pasado mes de setembro, recoñeceu que "é incrible ver como en Palestina a poboación segue tendo ganas de rir, estando oprimida, sometida a un exército doutro país que os trata dun xeito absolutamente despectivo".

Música, maxia e circo
A Gala Solidaria do Festiclown será no Teatro Principal o próximo 27 de decembro, a partir das 18:30 horas. Polo escenario pasarán Pablo Díaz, Assircópatas, Sue Moreno, Yolanda Paz e Sempre Arriba. A gala, que estará conducida pola actriz Isabel Risco, pecharase coa actuación do Coro da Rá.

A tarde arrancará con música, a cargo de Pablo Díaz, todo un referente na música infantil en galego. Despois, chegará a actuación de AsSircópatas, unha compañía que naceu en 2003 e que utiliza o circo, en clave teatral, como ferramenta para compartir unha particular visión do mundo baseada no humor. No Festiclown Solidario participará tamén Sue Moreno, fundadora dunha Escola de Acrobacias Aéreas na Coruña; Yolanda Paz, unha artista cunha amplísima formación no ámbito da danza e do teatro; e Sempre Arriba, o lema co que se identifica a clown e artista de circo Marta Iglesias.

A Gala rematará novamente con música, a cargo do Coro da Rá. A formación, con cerca de 60 compoñentes, leva case un cuarto de século subíndose aos escenarios e reinterpretando temas de música espiritual, rock, jazz ou blues. Tal e como explicou Nacho Fungueiriño, "o espectáculo está pensado para interesar a públicos de diferentes perfís e diferentes idades, e iso é posible grazas á colaboración desinteresada de diferentes artistas"

A entrada é de balde, e pódese recoller no Teatro Principal na mesma tarde do 27 de setembro. As persoas que queiran colaborar para facer posible o Festiclown Palestina 2019 poderán participar a través da Fila 0: La Caixa ES13 2100 4333 1502 0005 4202.

Pallas@s en Rebeldía
A Asociación Cultural e de Cooperación Internacional Pallas@s en Rebeldía é un espazo artístico de solidariedade internacional, transformación política e fraternidade entre os pobos que se expresa a través do clown e das artes circenses, no que conflúen artistas de diferentes países, sobre a base de que a alegría e a risa poden e deben ser transformadoras.

Pallas@s en Rebeldía está constituída como unha rede internacional de grupos artísticos que promoven a solidariedade e a risa como motores de cambio social; combaten culturalmente á beira das colectividades que fan fronte a este sistema global de terror dende a maxia do circo; e apostan por unha Humanidade máis bela e máis xusta dende o universo do clown. Fundouse no ano 2004 baixo o amparo do Festiclown (Festival Internacional de Clown de Galicia) e mantense activo grazas ao traballo de Culturactiva SCG, entidade profesional galega decana na xestión cultural socialmente comprometida.

Direcciones relacionadas



Compartir: