MOBILIDADE E CONVIVENCIA

O Concello pon en marcha novas medidas para o calmado do tráfico no ámbito do Ensanche

23/08/2018 Nos próximos días quedará instalada unha nova sinalización horizontal e vertical no Ensanche, que advertirá que a velocidade máxima permitida no ámbito é de 30 quilómetros/hora e que indicará que as bicicletas teñen prioridade de uso dos carrís. Trátase de medidas que procuran "un maior calmado de tráfico, ao tempo que pretenden favorecer a mobilidade ciclista polo centro da cidade".

O concelleiro de Espazos Cidadáns, Dereito á Vivenda e Mobilidade, Jorge Duarte; e o edil de Medio Ambiente e Convivencia, Xan Duro; deron conta hoxe das medidas, que "se enmarcan na nosa vontade de fomentar os modos brandos de transporte e de conseguir que o espazo público estea menos ocupado polos vehículos e máis polas persoas". Trátase, explicaron, de "avanzar no cumprimento do Pacto pola Mobilidade aprobado polo Pleno da Corporación".

Fomento do uso da bicicleta
O Pacto pola Mobilidade avoga por darlle prioridade aos modos brandos de transporte sobre os modos convencionais, é dicir, aos desprazamentos a pé, en bicicleta e en transporte colectivo. Os concelleiros recoñeceron que "Santiago presenta unhas características urbanísticas que dificultan o uso da bicicleta e, sobre todo, que impiden medidas máis ambiciosas como a creación de carrís-bici". De aí que se opte por mellorar a convivencia entre os vehículos de motor e a bicicleta, con "medidas que lle dan unha maior visibilidade aos ciclistas e que, ao mesmo tempo, desincentivan o uso do coche privado no centro da cidade e os desprazamentos de paso polo Ensanche".

A nova sinalización que informa do límite de velocidade de 30 quilómetros/hora e da prioridade das bicicletas vaise instalar no conxunto do Ensanche, na zona delimitada polas rúas do Hórreo, Romero Donallo, Rosalía de Castro, Xoán Carlos I e Senra. Trátase de vías unidireccionais e dun só carril, excepto no caso da rúa da Rosa, que conta cun pequeno carril para autobuses. A nova sinalización irá acompañada pola creación de puntos de aparcamento para bicicletas no ámbito afectado pola medida.

Jorge Duarte e Xan Duro salientaron que o proxecto conta co visto bo tanto da asociación de comerciantes do Ensanche, Santiago Centro, como do colectivo veciñal Raigame. Segundo apuntaron os concelleiros, os dous colectivos comparten a necesidade de pacificar o tráfico neste ámbito, porque "iso será beneficioso tanto para a veciñanza do barrio como para fomentar o seu papel de epicentro do sector comercial de Compostela".

Compartir: