FESTAS

Mercedes Peón tomará a praza da Quintana antes dos Fogos do Apóstolo "máis cinematográficos"

23/07/2018 Os tradicionais Fogos do Apóstolo serán os protagonistas da xornada de mañá martes nas festas, que tamén nos traerá a Mercedes Peón ao escenario da praza da Quintana, para presentar o seu novo traballo, Déixaas. A axenda festeira complétase coa actuación de Mega Purple Sex Toy Kit no Toural, dentro do ciclo Compostela É! Música.

Os Fogos do Apóstolo comezarán ás 23:30 horas e terán unha duración de media hora. O espectáculo, a cargo de Acciona Producciones y Deseño, volverá combinar as proxeccións audiovisuais, a música, os efectos lumínicos e a pirotecnia. Desta vez, déuselle unha maior importancia aos fogos artificiais, con máis de 6.000 efectos de disparo, fronte aos 3.000 do ano pasado. O obxectivo é que conseguir que máis veciños e veciñas poidan desfrutar dos Fogos, tendo en conta as limitacións de aforo da praza do Obradoiro. En canto á parte audiovisual, volverá facer un percorrido histórico dende o descubrimento da tumba do Apóstolo ata a construción da cidade histórica, cun tratamento que será novidoso porque, segundo Acciona, terá un enfoque máis cinematográfico.

Este ano, os Fogos do Apóstolo foron licitados polo Consorcio de Santiago, e o investimento nos espectáculos das noites do 24 e do 31 de xullo supera os 217.000 euros.

Mercedes Peón
A outra gran cita da noite do 24 de xullo é o concerto de Mercedes Peón na praza da Quintana, a partir das 22:00 horas e con entrada libre. Mercedes Peón, unha das mulleres máis carismáticas do circuíto mundial da world music, presentará no Apóstolo o seu último disco Déixaas, resultado dun intenso período de investigación sobre as posibilidades da arte do son. Este traballo chega despois dos éxitos recollidos cos seus anteriores discos, Isué, Ajrú, Sihá e Sós.

No concerto de mañá, Mercedes Peón estará acompañada por Mónica de Nut e Ana Fernández, cun repertorio completado cos músicos Fernando Abreu e Miguel Seoane e a participación de María Reimóndez, xunto á membros da formación coral Concerto Tempo. O formato ao vivo úbicase na madurez creativa que Mercedes Peón acadou con Déixaas, que saiu ao mercado o pasado 17 de abril.

A axenda musical da xornada de mañá nas festas complétase cun novo concerto do ciclo Compostela É! Música na praza do Toural. Será ás 00:00 horas cando suba ao escenario Mega Purple Sex Toy Kit, unha banda formada por Alfonso Espiño (voz), Marcos Santomé (baixo), Fernando García (órgano Hammond), Uxío Lois Solla (guitarra eléctrica) e Ramón Saleta (batería). A banda formouse en 2003 e caracterízase por un impactante directo, con cancións inspiradas nos primeiros Deep Purple, Pink Floyd ou Black Sabbath.

No programa de mañá das festas aínda se inclúe tamén a actuación da Orquestra Metrópolis, a partir das 00:00 horas no paseo central da Alameda. Para comezar a xornada, ás 12:00 horas está previsto o tradicional encontro de Xigantes e Cabezudos na praza do Quintana. Ás 12:30 estarán tamén no Toural.

Compartir: