ACCIÓN CULTURAL

As Xornadas de Música Contemporánea 2018 homenaxean ao compositor galego Enrique Macías

04/06/2018 As Xornadas de Música Contemporánea de Compostela adiántanse en 2018 ao mes de xuño. Do mércores 6 ao venres 29, os amantes da música de culto e de vangarda poderán gozar dun completo programa de concertos, conferencias e espectáculos en diferentes espazos da cidade. Baixo o título "Música, Emoción e Memoria", a proposta deste ano celebra a pegada e a obra de Enrique Xerardo Macías (1958 - 1995), compositor vigués que abriu a música galega a outras sonoridades e formou parte dos fundadores deste certame en 1987. No 60 aniversario do nacemento de Macías, as XMC’18 honran o labor deste autor curioso e enérxico que se conta entre os xenios da súa xeración e que, malia ter finado antes de cumprir 40 anos, serviu e segue a servir de modelo para figuras emerxentes da composición galega.

Ademais, a programación conmemora outras figuras e acontecementos de fonda relevancia na escena internacional e na contorna musical galega, como o centenario do pasamento de Claude Debussy (1862-1918), o 170 aniversario da Banda Municipal de Música de Santiago, o 70 aniversario da Banda Municipal da Coruña, ou a visita a Galicia do Pergamiño Vindel musicado por Martín Códax. Ao tempo, poñen o foco na visibilización do labor e a valía das mulleres na música, co gallo de contribuír á consolidación e normalización da presenza feminina en todos os ámbitos da sociedade.

A concelleira de Acción Cultural, Branca Novoneyra, presentou esta mañá o programa nunha rolda de prensa na Casa do Concello. Fíxoo na compaña de representantes das diferentes institucións que colaboran nas Xornadas, en concreto, da vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín; do director da Área de Cultura da USC, Pablo Sampedro, e do director do CGAC, Santiago Olmo.

Novoneyra salientou a singularidade e a riqueza das propostas das XMC de 2018, que manteñen o carácter multidisciplinar de edicións anteriores, con espectáculos nos que a música contemporánea convive co teatro e co circo e onde se incorporan as últimas tecnoloxías sonoras,. Pero este ano reforza notoriamente a súa faceta divulgativa. A través de conversas, mesas redondas e diálogos co público, as Xornadas procuran presentar a música contemporánea de primeira man, dar a coñecer a obra de autores clave de forma atractiva e facer á audiencia partícipe da revolución constante na música galega.

Co traslado á temporada estival, as XMC inclúen en 2018 concertos ao aire libre. A praza de Cervantes e o parque de San Domingos de Bonaval súmanse, así, a escenarios xa habituais do certame, entre os que se contan este ano o Auditorio de Galicia, o CGAC, a igrexa da Universidade e o seu Paraninfo.

Case todos, os espectáculos son de balde até completar a capacidade dos diferentes recintos que os abeiran. Unicamente será preciso mercar entrada para a representación de A cabeza do dragón, o venres 29 de xuño no Auditorio de Galicia. As entradas para esta función teñen un prezo de 12 euros, con descontos do 50% para persoas desempregadas, maiores de 65 anos, xubiladas, menores de 25 anos, estudantes, perceptoras de rendas sociais, familias monoparentais e familias numerosas e poderán ser adquiridas no Teatro Principal, de martes a sábado de 18:00 a 20:30 horas, e no Auditorio de Galicia, o propio día da función a partir das 18:00 horas.

Documentos relacionados



Compartir: