NADAL

A programación e as actividades diarias de Nadal retoman a normalidade este martes 26

25/12/2017 Despois do día de Nadal, a programación destas dataas continúa o martes 26 de decembro con dúas actividades destacadas. Por unha banda, o obradoiro de cantos de Nadal e danzas de Reis "As raíces na pedra" e, polo outro, o obradoiro de revalorización de peluches a través da súa reutilización. Ademáis continúan moitas das actividades que se desenvolven de maneira diaria.

A praza das Praterías acollerá "As raíces na pedra», un obradoiro de cantos de Nadal e danzas de Reis. Os cantos de Reis forman parte dos cantos de Nadal, unha tradición moi estendida na totalidade do territorio galego, consistente en interpretar en grupo unha serie de cantigas alusivas ao Nadal polas casas dos lugares. Normalmente, exhiben pasos clásicos aderezados con elementos coma arcos, castañetas, entrenzado, etc., que posúen características comúns como a indumentaria branca, os adornos orais exóticos e a abundancia de ouro.

A actividade divídese en dúas partes: ás 17:00 h terá lugar o obradoiro a cargo de Ultreia. Despois, ás 18:30 h, haberá actuación a cargo de Brincadeira.

Obradoiro de peluches
Tamén pola tarde, no Centro Xove de Almáciga, terá lugar un obradoiro de mobiliario creado a partir de bonecos de trapo. Co paso do tempo, os peluches adoitan ser un elemento desbotado. Con esta actividade preténdese reducir a cantidade de lixo xerado nestas datas, para o que se lle dará unha segunda vida útil a eses bonecos vellos e deteriorados que temos na casa. O obradoiro será impartido pola Asociación para o Fomento do Deseño Sostible Kunterbunt Kluges Desing.

É unha actividade orientada a mozas e mozos de 16 a 35 anos, con inscrición previa e de balde no enderezo electrónico: dptoxuventude@ santiagodecompostela.gal. As persoas participantes deberán achegar algún peluche ou boneco de trapo á actividade.

O Apalpador
E como non, o Apalpador continúa as súas visitas á rede de centros socioculturais de Compostela. Mañá martes pasará polo LSC Casa Agraria (18:30 h) e polo LSC Cardenal Quiroga (19:00 h). Alí, narrará contos e lendas de Nadal. Ademais, haberá pequenos agasallos e caramelos para todos e todas.

Direcciones relacionadas



Compartir: