XUNTA DE GOBERNO

A Xunta de Goberno inicia a licitación das obras de mellora da accesibilidade no campo de Santa Isabel

22/12/2017 A Xunta de Goberno acordou este venres a apertura do procedemento de adxudicación das obras de mellora da accesibilidade no campo de fútbol de Santa Isabel. Trátase dunha actuación orzada nalgo máis de 116.000 euros, e que terá un prazo de execución de dous meses.

O obxectivo das obras é solucionar as deficiencias das instalacións deportivas, fundamentalmente na súa zona sur. O proxecto afectaralle fundamentalmente aos accesos ao interior do campo de fútbol, dende a porta de entrada do campo de Santa Isabel ata os novos vestiarios e a zona de gradas. Tamén se actuarán sobre os aseos e nos laterais das bancadas.

Melloras do viario no rural
A Xunta de Goberno tamén iniciou hoxe o procedemento de adxudicación, mediante procedemento negociado sen publicidade, das obras de mellora do viario en Cesar, dende o cruce da N-550 na Barciela ata Casas de Arriba. A actuación ten un tipo de licitación de case 212.000 euros.

Subvencións
Na reunión deste venres tamén se aprobou o proxecto Atlantic Social Lab, do que o Concello de Santiago é participe xunto con outras oito cidades europeas. No marco deste programa, Compostela recibirá unha achega de 127.000 euros de fondos europeos que, segundo explicou o alcalde, se destinará ao financiamento dos procesos de Orzamentos Participativos dos dous próximos exercicios. O Concello terá que cofinanciar o proxecto con 42.000 euros de fondos propios. Para Martiño Noriega "é importante que o Concello consiga esta subvención europea para un dos proxectos máis significativos que se puxeron en marcha neste mandato, co obxectivo de impulsar a participación da veciñanza na toma de decisións".

Tamén hoxe, a Xunta de Goberno acordou aceptar unha subvención da Dirección Xeral de Formación e Emprego de máis de 163.000 euros, para a posta en marcha do programa integral Emprego Santiago VI. A achega municipal para estas actividades será de 40.800 euros.
Por último, o Executivo deu conta da sinatura do convenio de colaboración coa Asociación Deportiva HERMES para o desenvolvemento do VII Campus Vero Boquete, que contempla unha achega municipal de 8.500 euros.

Documentos relacionados

Direcciones relacionadas



Compartir: