NADAL

Cándido Pazó, Pistacatro, andaina polos museos, ruta polo parque de Belvís e o Apalpador, oferta de Nadal para este sábado

22/12/2017 A fin de semana ofrece unha ampla e variada oferta de ocio dentro da programación de Nadal de Compostela. Contacontos, espectáculos de escapismo e clown, roteiros e o Apalpador compoñen a programación do sábado 23 de decembro.

A vida tola de Pajarito é un espectáculo de clown e escapismo para todos os públicos. Esta produción de Pistacatro achéganos o peculiar universo desta muller-nena que anda solta polas rúas e que fai de cada ocasión e espazo un novo motivo e lugar para o xogo. A Sala Agustín Magán (Santa Marta) acollerá esta actividade, que dará comezo ás 18:30 horas. A entrada custa 3 €. Tamén existe un bono familiar de 4 entradas por 10 €.

Tamén sobre o escenario nos agarda Cándido Pazó. Como cho conto é unha sesión de historias e contos para público familiar sobre cousas que parecen mentira. O Centro Sociocultural do Castiñeiriño acolle esta actividade, con entrada de balde.

O Apalpador
O Apalpador visitará o Mercado de Abastos de Compostela durante toda a mañá do sábado. Ademais, continuará o seu percorrido polos centros socioculturais do Concello. Tócalle desta volta ao seguintes: LSC das Cancelas (11:00 h), LSC de Nemenzo (12:30 h), LSC de Laraño (17:00 h), LSC de San Lourenzo (18:00 h), LSC de Figueiras (19:00 h) e CSC do Castiñeiriño (19:30 h).

Andaina e ruta
Aquelas e aqueles que o desexen poderán facer un percorrido por un espazo céntrico e con moita historia co fin de coñecer o parque de Belvís dende unha perspectiva diferente, a da ecoloxía urbana, con paradas que mostrarán a súa biodiversidade, a traxectoria
da cidade, a historia do recinto e os diferentes usos que se poden atopar nel. Trátase dunha actividade para público adulto, de acceso libre con inscrición previa en: ciac@santiagodecompostela.gal.

Mañá sábado tamén temos unha segunda cita dentro das Andainas de Nadal polos Museos da Cidade. Desta volta realizarase unha visita á igrexa e ao museo de San Martiño Pinario. A actividade é para todos os públicos, con inscrición previa –de balde, aínda que poderá cobrarse nalgún dos museos a entrada de grupo (2 €)- nos centros da rede de museos, onde se informará do lugar de encontro de cada andaina.

Compartir: