XUNTA DE GOBERNO

Aprobados os estudos de detalle das ARIS de Vite e de Pontepedriña

22/12/2017 A Xunta de Goberno aprobou hoxe, de maneira inicial, catro dos cinco estudos de detalle da Área de Rehabilitación Integral de Vite, así como o estudo de detalle da ARI de Pontepedriña. Trátase dos documentos que establecen os criterios de intervención para a instalación de ascensores, así como para outras actuacións que busquen mellorar tanto as condicións de accesibilidade dos edificios como a eficiencia enerxética. Os estudos de detalle serán sometidos a exposición pública polo prazo dun mes, antes da súa aprobación definitiva unha vez resoltas as alegacións que se presenten.

No caso da Área de Rehabilitación Integral de Vite, hoxe aprobáronse catro estudos de detalle e está previsto que en xaneiro reciba luz verde inicial o quinto e último. A Xunta de Goberno deulle luz verde inicial ao estudo de detalle dos ámbitos 01, que lle afecta a 32 bloques de vivendas do grupo de Nosa Señora de Belén; 02, que inclúe 17 edificios da avenida de Castelao e da rúa de Alexandre Bóveda; 03, na que se contan 19 inmobles das rúas Carlos Maside e Irmandiños; e 04, que lle afecta a outros 19 bloques de vivenda da avenida de Castelao e das rúas García Lorca e Celso Emilio Ferreiro.

En canto á ARI de Pontepedriña, o estudo de detalle aprobado hoxe de maneira inicial aféctalle a 39 edificios das rúas Negreira, Padrón, Ordes, Samos, Palas de Rei, Somport, Portomarín, Canfranc e Sahagún, así como da praza de León.

O alcalde explicou que a aprobación destes estudos de detalle "é un importante paso adiante para que a veciñanza das ARIS de Vite e Pontepedriña poida acceder ás liñas de axudas para a instalación de ascensores, tanto ás habilitadas dende o Ministerio de Fomento e a Xunta como á que vai impulsar o Concello de Santiago". Martiño Noriega incidiu en que "por vez primeira, o Goberno local habilitará fondos propios para conceder subvencións para a mellora das condicións de accesibilidade das vivendas, axudas que, a diferenza das estatais e autonómicas, se entregarán en función de criterios de renda". As achegas municipais poderían chegar ao 100% do custo subvencionable, e pretenden evitar que se paralice a instalación dun ascensor nunha comunidade porque un propietario ou propietaria non poida afrontar a súa parte do pago.

Listaxe oficial "Limiar"
A Xunta de Goberno tamén aprobou hoxe a creación da listaxe municipal de propietarios de edificios residenciais implicados en actuacións para a súa rehabilitación, bautizado como "Limiar". Trátase dun rexistro oficial no que se inscribirán os propietarios que inicien o proceso de rehabilitación, dende o mesmo momento en que teñan o acordo da comunidade, para ir incorporando posteriormente a documentación requirida. En función deses documentos que xa teñan presentados, os propietarios e propietarias iranse ordenando na listaxe.

O "Limiar" permitirá ter información e control exacto e preciso sobre as comunidades decididas a rehabilitaren o seu edificio; diferenciar claramente bases e convocatorias de axudas; e establecer as bases para convocatorias moi concretas e axustadas a unha realidade que, grazas á listaxe, se coñecerá con maior exactitude (en canto a número de edificios interesados ou custo das actuacións). A listaxe tamén permitirá programar e complementar administrativamente as distintas liñas e convocatorias de axudas que se poñan en marcha ligándoas entre sí, e calibrar adecuadamente a dotación permanente da Oficina Municipal de Rehabilitación e Vivenda, facéndoa máis rendible e sostible.

Documentos relacionados

Direcciones relacionadas



Compartir: