ALCALDÍA

O alcalde reivindica a colaboración entre as institucións no acto de presentación do proxecto da estación intermodal

20/12/2017 O alcalde participou este mediodía no acto de presentación do proxecto da estación intermodal, celebrado na Cidade da Cultura. Martiño Noriega mostrouse convencido de que a infraestrutura "colocará a Santiago no século XXI en materia de mobilidade, ao tempo que mellorará a conectividade entre os barrios composteláns do Ensanche e da Pontepedriña".

O alcalde agradeceu o compromiso "de todas as administracións e de todas as persoas que traballaron de maneira intensa nos últimos meses para facer posible este proxecto". Tamén apelou á necesaria cooperación, "porque os representantes públicos pasamos, pero as institucións permanecen e a colaboración entre elas da os seus froitos para a cidadanía". Martiño Noriega mostrouse convencido de que "en 2018, todo o sementado con este traballo colaborativo empezará a dar os seus froitos, que serán unha intermodal da que todos e todas poidamos desfrutar antes do Ano Santo de 2021".

Tamén o ministro de Fomento, Íñigo de la Serna, agradeceu o traballo da Xunta e do Concello para lograr "unha grande actuación que aporta valor á cidade, e unha maior calidade de vida para todos os galegos e galegas, especialmente para a veciñanza de Santiago". Pola súa banda, o presidente da Xunta salientou a colaboración "entre o ministerio de Fomento, a Xunta e o Concello de Santiago, especialmente no que ten que ver coa construción da plataforma peonil que permitirá conectar o Ensanche e Pontepedriña". Para Alberto Núñez Feijóo, esta actuación "é unha clara aposta por Santiago, porque iso é apostar por Galicia". O presidente da Xunta asegurou que a construción da nova estación de autobuses, que depende da administración autonómica, iniciarase no primeiro semestre de 2018.

O proxecto presentado hoxe é o resultado do convenio asinado en xuño de 2016 no Salón Nobre do Pazo de Raxoi, entre o Ministerio de Fomento, a Xunta, o Concello de Santiago e ADIF. En virtude dese acordo, o Concello encárgase do acondicionamento dos accesos e financia o 30% da conexión peonil, que supón máis de 1,7 millóns de euros.

Compartir: