XUNTA DE GOBERNO

O Concello investirá case 900.000 euros no arranxo de viarios en San Lázaro

11/12/2017 A Xunta de Goberno aprobou este luns dous proxectos que permitirán renovar os viarios de acceso tanto ao estadio de fútbol de San Lázaro como ao Palacio de Congresos, e que suporán un investimento de preto de 900.000 euros.

O primeiro dos proxectos contempla a renovación de pavimentos da calzada dos viarios de acceso ao estadio de San Lázaro, en concreto nas rúas Fernando de Casas Novoa-Miguel Ferro Caveiro e Clemente Fernández Sarela. Neste caso, o orzamento máximo de licitación supera os 600.000 euros e o prazo de execución será de seis meses. O segundo dos proxectos permitirá actuar nos viarios de acceso ao Palacio de Congresos e Exposicións (Miguel Ferro Caaveiro-Fernando de Casas Novoa). As obras terán un orzamento máximo de licitación próximo aos 275.000 euros e un prazo de execución de tres meses.

O alcalde, Martiño Noriega, incidiu en que "estamos diante dun proxecto moi ambicioso para reparar a rede viaria no contorno do barrio de San Lázaro, que se atopa bastante deteriorada". Despois da aprobación do proxecto, a Xunta de Goberno deberá iniciar nas próximas semanas o procedemento de licitación das obras.

Obras en Diego Peláez e Espírito Santo
A Xunta de Goberno tamén aprobou hoxe, a proposta do concelleiro de Medio Rural, Mantemento e Obras para o Equilibrio Territorial, Rafael Peña, o proxecto de mellora de accesibilidade na rúa Bispo Diego Peláez, orzamentado en 230.000 euros. Prevese que os traballos teñan un prazo de execución de cinco meses, se ben non poderán arrancar ata recibir o ditame positivo da Comisión Asesora de Patrimonio Histórico.

Esa mesma Comisión deberá darlle luz verde ao proxecto de reparación da calzada da rúa do Espírito Santo, aprobado tamén hoxe pola Xunta de Goberno. Neste caso, a actuación custará case 75.000 euros e terá un prazo de execución de dous meses.

Outros acordos
O Goberno local tamén deu conta hoxe da concesión dunha subvención da Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia, cofinanciada polo Fondo Social Europeo, que se destinará ao Centro de Información á Muller. A achega é de 45.000 euros.

Por último, a Xunta de Goberno deu conta da interposición de recursos contra a adxudicación do subministro para a mellora das instalacións do alumeado público nos accesos á cidade, nas súas fases II, III e IV. A tramitación dos expedientes quedará en suspenso ata que se resolvan eses recursos, presentados por unha das empresas que optaba á adxudicación.

Documentos relacionados

Direcciones relacionadas



Compartir: