PLENO

Aprobada a conta xeral do exercicio 2016

11/10/2017 O Pleno vén de dar luz verde á conta xeral do exercicio do 2016, cos votos a favor de Compostela Aberta e a abstención do resto de grupos.

No desglose da conta que fixo a concelleira de Economía e Facenda, María Rozas, destacou a "baixada de endebedamento por habitante de 732 a 702 euros, así como o nivel de endebedamento do propio Concello, que se sitúa nos niveis máis baixos da súa historia". Isto permite que o consistorio aforre en xuros de entidades bancarias e que se sitúe dentro da lei no nivel de endebedamento global.

Na conta xeral de 2016 incorpóranse dúas novidades: as contas do Refuxio de Animais de Bando e o resultado da auditoría levada a cabo en Mercagalicia, na que se observaron posibles irregularidades fiscais.

Tamén destacou a concelleira o nivel de execución en determinadas partidas que resultaron eixes clave do orzamento, como o mantemento. "A execución das partidas de mantemento superan o 91% de execución, sendo o nivel máis alto dos últimos 10 anos". Así, Rozas destacou que "se no 2006 se gastaron 300.000 euros en mantemento e no ano 2016 a contía superou o millón".

En resumo, a conta xeral amosa unha situación positiva nalgúns indicadores, tendo unha cidade menos endebedada, un incremento nos contratos de mantemento e un resultado positivo de tesourería que permite seguir saneando as contas e financiar unha boa parte dos investimentos financeiramente sustentables.

Obras no municipio
María Rozas explicou que este ano se destinarán 3,3 millóns de euros a acometer pequenas obras na cidade e no rural, os denominados investimentos financeiramente sustentables. Realizaranse obras de mellora en varios centros socioculturais do rural como Grixoa, Bornais ou A Peregrina; de accesibilidade solicitadas pola veciñanza das rúas Santas Mariñas e A Estrada; de reparación de viarios en todo o municipio; de accesibilidade no polideportivo de Santa Isabel; melloras no Campus Sur ou a creación dun parque de skate na cidade.

Compartir: