PLENO

O Concello reclama un xulgado específico para facer fronte ás demandas polas cláusulas solo

15/06/2017 O Pleno da Corporación aprobou hoxe unha declaración institucional para instar á Xunta a que solicite ao Goberno do Estado a creación ex novo dun xulgado de reforzo en Santiago co fin de facer fronte ás demandas polas cláusulas solo.

O texto lembra que Santiago, ademais de ser a capital de Galicia, é a demarcación co Partido Xudicial nº 2, que abarca 26 municipios con case 275.000 habitantes. Malia iso, non está previsto que ningún xulgado de Compostela estea especializado nas demandas das cláusulas solo, ao contrario do que vai acontecer na Coruña, Lugo, Ourense e Vigo. A Corporación municipal entende que esa decisión é contraria ao interese xeral de toda a comarca, por canto non garante unha maior eficacia na prestación dun servizo público esencial como é a Administración de Xustiza.

Na declaración institucional aprobada hoxe, a Corporación municipal tamén reitera a solicitude á Xunta de Galicia, ao Tribunal Superior de Xustiza de Galicia e á Administración do Estado para que Santiago sexa dotado con novas salas xurídicas do Social, do Contencioso-Administrativo e de Violencia de Xénero.

Compartir: