DEPORTE

O I Santiago Football Camp perfeccionará a práctica do fútbol americano entre deportistas galegos

17/03/2017 A concelleira de Deporte, Noa Morales, presentou esta mañá o I Santiago Football Camp de fútbol americano, que se celebrará no campo de Marrozos este sábado 18 de marzo, en horario de 9:00 a 17:30 horas. Na rolda estivo acompañada dos adestradores dos Santiago Black Ravens, José Jiménez, e dos Reus Imperials, Bart Iaccarino.

Noa Morales destacou deste proxecto que se trata do "primeiro campus de fútbol americano, o que nos permitirá coñecer máis sobre este deporte. Por iso, engadiu, "dende o Concello de Santiago apoiamos esta proposta impulsada polo Santiago Black Ravens e o Reus Imperials para poder afondar máis nun deporte que ademais ensina moitísimos valores positivos como o respecto ou a nobreza".

O Santiago Football Camp estará dirixido polo head coach Bart Iaccarino, e é un campus de tecnificación individual que vai ser impartido por xogadores e adestradores de alto nivel nacional e internacional, aberto a todos deportistas galegos practicantes do fútbol americano. Entre os profesionais que impartirán o campus destacan Brady Huber, Michael Taylor, Chris Smallwood, Tobias Fuchs, Henri Laine, Nate Stephens, Jeffrey Roy ou Josep Coll.

O obxectivo do Camp é desenvolver e ensinar técnicas avanzadas de adestramento tanto a xogadores como a adestradores galegos, para poder subir o nivel do fútbol americano en Galicia. Desenvolverase o sábado 19 de marzo nas instalacións do Campo de Marrozos, en horario de 09:00 a 17:30 horas.

Santiago Black Ravens
O Santiago Black Ravens é o equipo de fútbol americano e flag football da cidade de Santiago e comarca. O principal obxectivo é o fomento, divulgación, promoción e práctica destas modalidades deportivas mediante os valores de respecto, actitude, valor, esforzo e nobreza. Actualmente é tetracampión e actual gañador da Liga Galega de Fútbol Americano.

Imperial Reus
O Imperial Reus é o equipo de fútbol americano e flag football da cidade de Reus (Tarragona), que ten xa 25 anos de historia. Disputa a Serie A da Liga Nacional e é o equipo con maior crecemento deportivo e estrutural nos últimos anos en España. Na súa travesía cara ao primeiro nivel foi varias veces campión da Liga Catalá, da Serie B da Liga Nacional e agora vai segundo na Serie A.

Compartir: