CULTURA E PATRIMONIO

Santiago acollerá o 29 de abril un concerto do IV ciclo "Música de Cámara nas Cidades Patrimonio da Humanidade de España"

16/03/2017 O concelleiro de Educación e Cidadanía, Manuel Dios, asistiu na sede da Fundación Albéniz, en Madrid, á renovación do convenio de colaboración entre a Fundación Albéniz/Escuela de Música Reina Sofía e o Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade de España. No acto interviñeron a presidenta da Fundación Albéniz, Paloma O’Shea; o presidente da Comisión de Cultura do Grupo e alcalde de Cuenca, Ángel Mariscal; e o alcalde de Ávila, José Luis Rivas. Asistiron tamén concelleiros das 15 cidades.

Cona renovación do acordo continuarase a liña iniciada en 2014 para a programación de actividades musicais de calidade a cargo de talentos noveis por parte da Fundación Albéniz no marco dos proxectos culturais que vén desenvolvendo o Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade de España, a través da súa Comisión de Cultura e Educación.

Froito deste acordo de colaboración presentouse o IV ciclo de concertos Música de Cámara nas Cidades Patrimonio da Humanidade de España. O ciclo, organizado polo GCPHE en colaboración coa Fundación Albéniz e a Escuela de Música Reina Sofía, levará de forma gratuíta para o público unha selección da mellor música de cámara a espazos históricos, civís e relixiosos de las 15 cidades españolas distinguidas como Patrimonio Mundial pola Unesco, que servirán de escenarios excepcionais para a celebración destes concertos de música de cámara.

No caso de Santiago, o concerto celebrarase o venres 29 de abril, ás 20:30 horas no Paraninfo da Universidade. Enrique Lapaz interpretará ao piano obras de J. S. Bach, F. J. Haydn, C. Débussy, L. Berio, R. Schumann e M. Balákirev. O concerto, como todos os do ciclo, terá entrada de balde ata completar aforo.

Patrimonio histórico e cultural musical
Deste xeito, estes espazos devólvense ao uso e goce cidadán e cobran o seu sentido como espazos culturais, nunha fórmula que combina patrimonio histórico e cultura musical universal, moi eficaz para favorecer o achegamento do público a estes lugares tan especiais das Cidades Patrimonio. Con esta actividade, as cidades da asociación sumarán á súa potente oferta cultural un activo máis, o que as converte nun dos axentes culturais máis importantes de España, co atractivo da vinculación entre Patrimonio e Música e o fomento dun turismo cultural de primeira orde.

A música de cámara, que para moitos críticos é o xénero onde a música alcanza a súa máxima expresión de calidade e emoción, será a protagonista da cuarta edición deste ciclo, que en 2016 foi gozado por preto de 4.000 persoas. As agrupacións de cámara da Escuela de Música Reina Sofía, considerada un dos centros de alta formación musical máis prestixiosos do mundo, interpretarán esta serie de concertos ao longo dos meses de marzo, abril, maio e xuño.

Os grupos seleccionados tocarán baixo diversas formacións, en só de piano, dúo de violíns, recital de frautas, recital de violín, recital de violas, trío de canto-trompa-piano e agrupacións de música de cámara: Grupo Barroco, Cuarteto Aris, Quinteto O Globo, Grupo Ondina, Cuarteto Goldmund, Trío Mistral, Quinteto Ricercata e Cuarteto Haendel de Puertos del Estado.

Este ano, os espazos seleccionados para albergar o ciclo son: a Concatedral de Santa María de Cáceres, o Teatro Metropol de Tarragona, a Sinagoga do Tránsito de Toledo, o Auditorio-Igrexa do Hospital de Santiago en Úbeda, o Paraninfo da Universidade en Santiago de Compostela, o Refectori do Convento dos Dominicos de Ibiza, a Catedral de El Salvador de Ávila, o Auditorio San Francisco de Baeza, a Capela de San Ildefonso da Universidade de Alcalá de Henares, a Basílica de Santa Eulalia en Mérida, a Igrexa de San Miguel de Cuenca, o Auditorio San Blas en Salamanca, a Sala de Cristal do Convento de Santo Domingo en San Cristóbal de la Laguna, a Real Casa da Moeda de Segovia e a Igrexa de La Magdalena de Córdoba.

Compartir: