CONSORCIO

O violista israelí Yuval Gotlibovich substituirá a Tasso Adamopoulos no concertos desta semana coa Real Filharmonía de Galicia

25/01/2017 A Real Filharmonía de Galicia ofrecerá dous concertos esta semana. O primeiro terá lugar este xoves 26 en Vigo, no Teatro Afundación, ás 20:30 horas. E o venres, a orquestra tocará na súa sede, o compostelán Auditorio de Galicia, tamén ás 20:30 horas. En ambas actuacións levará a batuta o director francés Pierre Dumoussaud.

O público de Santiago e Vigo terá a oportunidade de escoitar Harold en Italia, do compositor romántico francés Hector Berlioz (1803-1869). É a súa segunda sinfonía, escrita en 1834. Está composta en catro movementos, que evocan musicalmente varias escenas de As peregrinacións do Neno Harold, de Lord Byron. A viola ten un gran protagonismo nesta obra e serve para vincular as catro partes. Nesta ocasión será o violista israelí Yuval Gotlibovich o responsable da súa interpretación. Substituirá a Tasso Adamopoulos, que durante os ensaios desta semana coa Real Filharmonía de Galicia sufriu un accidente que lle vai impedir tocar nos concertos de Santiago e Vigo, ao tempo que se cancelaron as clases que ía a impartir este mércores e o venres na Escola de Altos Estudios Musicais.

Yuval Gotlibovich goza dunha ampla carreira musical que se estende por toda Europa, Estados Unidos e Israel como viola principal, compositor e pedagogo. Ofreceu recitais no Wigmore Hall de Londres e no Kennedy Center en Washington. Compuxo música de acompañamento para dúas películas de cine mudo, por encargo do Festival Are-More de Vigo: O gabinete do doutor Caligari e O Golem. Foi o profesor máis novo da Universidade de Indiana e, na actualidade, é profesor no Conservatorio della Svizzera Italiana, en Lugano (Suíza), e na Escola Superior de Música en Cataluña.

En ambos concertos soará ademais a Sinfonía nº 4 do compositor romántico alemán Felix Mendelssohn (1809-1847). Coñecida como "A italiana", a obra ten as súas orixes na viaxe que o autor realizou entre 1830 y 1831 a Italia, inspirándose na cor e na atmosfera do país.

Compartir: