ALCALDÍA

Asinado o convenio para o acondicionamento do campo de fútbol da USC

25/01/2017 O alcalde, Martiño Noriega, e o reitor da Universidade de Santiago, Juan Viaño, asinaron este mércores o acordo para o acondicionamento do campo de fútbol e rugby da USC. En virtude deste convenio, o Concello fará unha achega de 200.000 euros para esta obra, e a cambio, a Universidade comprométese a ampliar os horarios das instalacións deportivas e permitir o seu uso por parte dos equipos federados de Santiago.

O proxecto de acondicionamento do campo de fútbol e rugby do Campus Vida contempla a dotación de herba artificial regulamentaria, incluíndo o sistema de rego automático e protección perimetrais. Tamén se mellorará a iluminación artificial e cubrirase unha parte da bancada. A actuación terá un custo de 550.000 euros, dos que o Concello achegará 200.000. Tamén colaborarán economicamente co proxecto a Deputación da Coruña, a Federación Galega de Fútbol e a propia Universidade de Santiago.

Colaboración institucional
O alcalde mostrou a satisfacción pola sinatura deste convenio, que "demostra que existe un forma cooperativa de facer política". Martiño Noriega salientou que a achega económica que fará o Concello ás obras permitirá que o campo de fútbol e rugby "poida ser utilizado por entidades alleas á propia Universidade, equipos federados de Santiago que teñen dificultades porque a demanda de instalacións deportivas na cidade é moito máis ampla que a oferta dispoñible".

Na mesma liña, o reitor da Universidade de Santiago agradeceu "a vontade de cooperación que en todo momento mostrou o Concello para que este acordo poida ser unha realidade". Juan Viaño comprometeuse a que as obras de mellora do campo de fútbol e rugby comecen este mesmo ano.

Outros acordos
Durante o acto de sinatura do acordo, o alcalde e o reitor foron preguntados pola renovación do convenio para a colaboración urbanística no Campus Vida, asinado no ano 2005 entre o Concello e a Universidade. Martiño Noriega e Juan Viaño expresaron o seu compromiso de subscribir un novo acordo ao longo deste ano 2017, e coincidiron en reivindicar un texto que poida ter unha execución real.

O alcalde lembrou que "o Concello de Santiago nunca chegou a cumprir os seus compromisos recollidos no acordo de 2005 en relación ao mantemento do Campus Sur, e a vontade do Goberno é asinar algo que poida ser realizable". Martiño Noriega tamén lembrou que o Concello incorporou á EDUSI actuacións no Campus Sur, que serán financiadas con eses fondos europeos.

Compartir: