TURISMO

Corenta expositores porán á venda unhas 30.000 pezas na IV Feira de Antigüidades

25/01/2017 A concelleira de Desenvolvemento Económico e Turismo, Marta Lois, presentou a IV Feira de Antigüidades, Coleccionismo e Vintage, que se vai celebrar no Palacio de Congresos e Exposicións de Galicia do venres 27 ao domingo 29 de xaneiro. Na rolda estivo acompañada polos seus organizadores, Ángel Moix e Mari Cruz Madrid.

A Feira acollerá a 40 expositores, chegados de diferentes comunidades do Estado e tamén de Francia e Inglaterra. Todos eles achegarán unhas 30.000 pezas para todos os gustos e prezos, dende unha postal a radios, teléfonos, mobles, máquinas de escribir, discos ou xoguetes, entre outros moitos artigos. "Sempre podes atopar algo que te traia ao pasado", indicou ao respecto Ángel Moix, convidando tamén as familias a levar os máis pequenos e pequenas a coñecer os xoguetes de seus pais.

Ademais da propia compra de pezas antigas, o evento ofrece tamén a oportunidade de que os/as asistentes poidan levar as súas pezas antigas para que os anticuarios participantes poidan facerlle unha taxación precisa e mesmo comprarlla.

Para Marta Lois, esta Feira de Antigüidades, que alcanza xa a cuarta edición, "demostra que Compostela é un lugar atractivo para a celebración de eventos moi distintos e que segue sendo unha garantía de éxito para as empresas e entidades que teñen que decidir se participan ou non nunha feira coma esta". Ademais, indicou que, para o Concello, "é moi interesante que esta Feira se celebre en febreiro, nun mes de temporada baixa no que é importante captar tamén visitantes".

Horario, prezos e sorteo
A Feira abrirá o venres 27 de 17:00 a 21:00 horas. O sábado 28 e domingo 29 terá un horario de 11:00 a 14:30 e de 16:30 a 21:00 horas. O prezo da entrada, que será valida para os tres días da feira, é de 3 euros, aínda que se rebaixará a aquelas persoas que presenten os vales de desconto de 0,50 euros que se están publicando estes días na prensa. O domingo sortearase unha peza antiga entre os/as asistentes.

Compartir: