XUNTA DE GOBERNO

O Concello renovará case 2.500 puntos de luz grazas ao préstamo do IDAE de 1,5 millóns de euros

13/01/2017 A Xunta de Goberno Local deste venres aprobou a aceptación da axuda do Instituto para a Diversificación e o Aforro Enerxético (IDAE) para a renovación de instalación de alumeado público exterior municipal. Trátase dun préstamo por valor de case 1,5 millóns de euros a interese cero e cun período de carencia dun ano e 9 de amortización.

Segundo explicou o concelleiro de Medio Ambiente e Convivencia e secretario da Xunta de Goberno, Xan Duro, esta axuda "permitirá renovar os puntos de luz do Concello máis antigos e que supoñen un maior custo para as arcas públicas. A actuación, explicou, "consiste na substitución de 2.442 luminarias que incorporan fontes de luz de alta eficiencia e rendemento (LEDS) e dispositivos que permiten a súa regulación de forma programada, dun xeito que permite importantes aforros de consumo enerxético e de mantemento, dada a súa duración superior ás 80.000 horas". Inclúese tamén a adaptación dos actuais centros de mando afectados pola actuación á normativa vixente, no referente á disposición de protección diferencial e sistemas de posta a terra.

"En termos xerais -engadiu Xan Duro- suporá un aforro de 240.000 euros anuais e da emisión de case medio millón de toneladas de dióxido de carbono durante dez anos".

Denegada inicialmente polo uso do galego
O IDAE notificara en xullo a denegación da axuda por ter incluído un documento en galego e o Concello tivera que presentar unha reclamación que finalmente foi aceptada. Nela alegaba que o organismo estatal debera requirir que se achegara o informe redactado en castelán para emendar o erro, no canto de desestimar directamente a petición. Nese sentido, poñía en dúbida o argumento do IDAE de que o Concello de Santiago non incorrera nun erro, "senón que ignorou a expresa previsión de remitir todos os documentos en castelán, como unha resistencia á observancia de tal previsión".

Outros acordos
A Xunta de Goberno Local aprobou tamén hoxe un modificado no proxecto de mellora da mobilidade e accesibilidade no barrio de Vista Alegre, concretamente sobre a Fase I. O modificado afecta a tres cuestións: o retranqueo nas infraestruturas orixinado polo rebaixe da rasante no proxecto da Fase III; unha nova configuración da rúa Nova como resultado da aparición de zapatas na edificación a unha cota superior á prevista nos propios planos; e a reubicación dos contedores soterrados na praza Álvaro Cunqueiro, que pasarán a ubicarse na mesma praza pero na liña de xardíns que delimitan a zona de paso de vehículos.

Xan Duro asegurou que "os detalles do modificado, así como o estado das obras, será comunicado polo concelleiro responsable nunha xuntanza que manterá a vindeira semana cos veciños do barrio".

Ademais tamén se deu conta da concesión dunha axuda de 532.531,71 euros como resultado da adhesión do Concello ao convenio de colaboración entre a Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, a Consellería de Sanidade, o Servizo Galego de Saúde (SERGAS) e a Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) para sufragar os gastos derivados do desenvolvemento de programas de asistencia a persoas con trastornos aditivos e realización de programas de atención e protección da saúde.

Documentos relacionados



Compartir: