TURISMO

Última fin de semana de Santiago(é)tapas

02/12/2016 Este domingo remata a novena edición de Santiago(é)tapas, que ofrece a posibilidade de probar e valorar as 104 tapas nos 68 locais participantes. Este ano, a votación popular ten grande importancia, xa que será a responsable de decidir tres premios: o primeiro Premio Tapa do Público 2016, dotado con mil euros; o segundo premio, dotado con 500 euros en produtos; e o Premio (É)xcelente 2016, para o local con mellor servizo integral. O gañador do primeiro premio, ademais, será o representante de Santiago no evento De Tapas por Galicia ou calquera outro evento similar.

O xurado especializado tamén está visitando de incógnito os establecementos para escoller a proposta gañadora do Premio do Xurado á Mellor Tapa 2016. Como novidade, outorgará este ano unha mención especial Santiago(é)Cine 2016 á tapa que por título, técnica, produtos ou elaboración estea vinculada ao mundo do cine, en homenaxe aos 30 anos de Cineuropa.

Por segunda edición, Santiago(é)Tapas está organizado de modo conxunto por Turismo de Santiago e a Asociación Hostalería Compostela, nun modelo de coparticipación entre o Concello e o sector privado da cidade. Conta ademais co patrocinio de Cash Récord, Coca Cola e Mil Ríos, a colaboración especial de Estrella Galicia – Cabreiroá e a colaboración do Obradoiro, Carrís Hoteles e Transportes Mosquera.

Ruta de tapas de Área Santiago
Os gañadores dos concursos de tapas e outros eventos gastronómicos dos concellos que forman parte do grupo Área Santiago participaron de novo en Santiago(é)tapas, cociñando por un día en locais de Compostela que participan nesta edición de Santiago(é)tapas. Esta actividade enmarcábase no Plan de Acción 2016 do Grupo Área Santiago e contou coa colaboración da Axencia de Turismo de Galicia.

Os establecementos dos concellos de Área Santiago ofreceron este xoves ao público as tapas gañadoras dos concursos correspondentes. Ao tempo, os anfitrións en Santiago puxeron á venda a tapa coa que están concursando nesta edición. A primeira destas rutas especiais fora o pasado 24 de novembro.

Os participantes nesta segunda xornada de Área Santiago, concentrados nas zona de Mazarelos e arredores, foron: Las Palmeras, de Lalín, no Arco de Mazarelos; Cafetería Estilo, de Melide, no Pepe Payá; Café Século XX, de Padrón, na Lonxa do Mercado; O Refuxio, de Vila de Cruces, SCQ; e Mesón A Vila, de A Estrada, que estivo no París.

Os participantes na primeira xornada de Área Santiago en Santiago(é)tapas, concentrados nas zona do Franco e da Raíña, foran: Casa de Xantar á Culler, de Silleda, que estivo na Senra Raíña; Bar Barreiro, de Vedra, que estivo nos Caracoles; Bar Carpe Diem, de Touro, no ACDC; e Cafe Bar O rincón de Pepe, de Lestedo, no Celme.

Para incentivar o consumo de tapas dos establecementos participantes, estableceuse un Premio Especial Área Santiago para aquelas persoas que percorreran nunha soa noite unha das Rutas Especiais Área Santiago, consistente nun típico prato de polvo, do artesáns Ferradáns (A Estrada), coa garantía de Artesanía de Galicia, edición especial co logotipo Área Santiago serigrafiado.

Tamén houbo música a cargo dos grupos tradicionais procedentes de concellos de Área Santiago. Este xoves actuou Voces da Terra, do Concello de Vila de Cruces. O pasado 24 de novembro actuara Linho do Cuco, dos Concellos de Lalín e A Estrada. Ademais, na aplicación móbil do concurso incluíuse unha sección específica das Rutas Especiais de Tapas Área Santiago, na que a clientela podía valorar as tapas dos locais participantes dos concellos dos arredores de Santiago.

Direcciones relacionadas



Compartir: