CONSORCIO

A Real Filharmonía de Galicia retransmitirá o concerto deste xoves en directo por internet

23/11/2016 A Real Filharmonía de Galicia celebra este xoves o seu concerto semanal de abono no Auditorio de Galicia. A cita comezará ás 20:30 horas. O concerto retransmitirase en directo por streaming a través da web da orquestra (www.rfgalicia.org) e das súas redes sociais. A batuta levara o novo principal director convidado da agrupación, o mestre londiniense Jonathan Webb, que substitúe a Christoph König.

O concerto de abono arrancará coa obertura de A noiva vendida, do compositor bohemio Bedrich Smetana (1824-1884). É unha comedia lixeira e optimista, ambientada no campesiñado checo, destinada ao puro entretemento. Dende a súa estrea, veuse representando con regularidade na República Checa, onde sempre gozou de gran popularidade e os seus habitantes considérana parte esencial da súa cultura nacional. É a única das óperas de Smetana que traspasou as súas fronteiras de orixe para formar parte do repertorio dos teatros internacionais. A seu brillante e trepidante Obertura, que interpretará a Real Filharmonía de Galicia, foi composta bastante tempo antes que o resto da obra e adoita ser peza habitual de concertos sinfónicos.

A continuación, o público terá a oportunidade de escoitar a Suite para cordas do tamén compositor checo Leos Janácek (1854-1928). O concerto concluirá coa Sinfonía nº 5 de Antonín Dvoràk (1841-1904), considerado o principal representante do nacionalismo checo na música. A Quinta Sinfonía, escrita en pouco máis dun mes, foi estreada en Praga en 1879. É unha obra poderosa e bela, traballada exquisitamente, a primeira sinfonía de madurez de Dvoràk e unha das máis famosas do autor.

Jonathan Webb, orgulloso de Santiago e da súa orquestra
Jonathan Webb, que substitúe a Christoph König como principal director convidado da RFG, foi elixido polos músicos da orquestra entre todos os directores que se puxeron á fronte da agrupación ao longo dos seus 20 anos de traxectoria. Con respecto á súa elección, o mestre manifesta que "a maior satisfacción para un artista é recibir o afecto e a confianza dos seus colegas artistas. É, polo tanto, unha enorme alegría e un privilexio ser nomeado principal director convidado dunha orquestra á que admiro tanto. Sen dúbida reforzaremos e estreitaremos os nosos lazos de amizade musical e exploraremos novas formas de compartir a paixón que nos une con todos aqueles para os que traballamos. A cidade de Santiago merécese unha orquestra de primeira clase e, grazas ao traballo de moita xente, tena. Espero poder contribuír a este e outros futuros logros e observar a beleza da cidade reflectida en todo aquilo que facemos".

O aclamado director londiniense estudou piano, violín, canto coral e dirección de orquestra en Manchester, onde debutou no Teatro da Ópera con West Side Story. Foi director do Teatro da Ópera de Tel Aviv. É convidado a dirixir en numerosos teatros de toda Europa e colabora habitualmente cos máis importantes teatros italianos e co Teatro São Carlos de Lisboa. Dirixe con frecuencia orquestras en Alemaña, Irlanda, Austria, Rusia ou Israel e realizou xiras por China e Xapón. Ademais, foi convidado en varias ocasións pola Orquestra Sinfónica de Galicia. A miúdo leva a batuta de novas orquestras.

Webb participou no concerto que tivo lugar no Coliseo de Roma por primeira vez en 1.500 anos con motivo da celebración de Coliseo 2000. Dende setembro de 2014 é director musical da agrupación italiana Camerata Strumentale "Città dei Prato", orquestra coa que colabora regularmente dende 2002. E esta tempada estréase como principal director convidado da RFG, coa que tamén traballa con frecuencia.

Compartir: