IGUALDADE

A Catedral tamén se adhire á campaña "En negro contra a violencia"

23/11/2016 O principal monumento da cidade de Santiago de Compostela, a Catedral, sumouse hoxe a En negro contra a violencia, campaña impulsada dende o Concello para loitar contra a lacra das violencias machistas.

Dende hoxe e ata o remate da campaña, lucirá unha lona negra de 10 x 6 metros na parte central do templo, onde se pode ler "Compostela en Negro". É a primeira vez que a Igrexa se suma a unha iniciativa destas características nunha cidade Patrimonio da Humanidade como a nosa.

A campaña desenvolverase ata o 28 de novembro en 17 concellos de toda Galicia. Ademais de tinguir de negro os escaparates dos establecementos participantes, realizaranse varias accións. "O festival Cineuropa -sinalou Marta Lois- ademais de organizar o día 25 de novembro unha sesión específica de películas que abordan esta problemática, entre o 18 e o 28 de novembro proxectará ao comezo de todos os filmes a imaxe "Contra a violencia". Tamén este ano por primeira vez participará na campaña a Real Filharmonía de Galicia, que incorporará a imaxe da campaña no concerto do de mañá xoves no Auditorio de Galicia".

Ademais, os IES da cidade están convidados a participar, implicando o alumnado na elaboración dunha faixas coa imaxe da campaña "Contra a violencia". Nos próximos días terán un kit de material para levar a cabo esta acción. De momento confirmaron a súa participación os institutos Xelmírez I, Pontepedriña e Eduardo Pondal.

Ao igual que o ano pasado, os equipos deportivos tamén se implicarán. Así, os xogadores da S.D. Compostela e do Santiago Futsal lucirán as camisetas da campaña nos partidos que xoguen na fin de semana seguinte ao 25 N e, tanto no campo de San Lázaro como no Multiúsos do Sar, haberá faixas co lema da campaña.

Tamén patrocinan esta campaña Finsa, Tenreira Galega, Asociación Área Empresarial do Tambre, Arteal, Grupo Noya, Recursos Centro de Formación, Toldos Compostela e Caeiro.

Concentración de repulsa
O mesmo día 25 de novembro, ás 11:45 horas, na praza do Obradoiro, lerase un manifesto e realizarase unha concentración de repulsa das violencias machistas, á cal aproveitou a concelleira para convidar a toda a poboación e na que ao Concello lle gustaría que a comunidade educativa, especialmente o estudantado dos IES e universitario, tivese un papel protagonista. Nesta concentración está previsto construír con paraugas negros e brancos - que se repartirán na propia praza- una imaxe que recolla o lema desta campaña "Contra a violencia".

Xa hai máis de 2.500 establecementos e entidades que participan da campaña nos 17 concellos. Poden consultarse estes datos, así como descargar material da campaña, no enderezo electrónico www.ennegrocontraaviolencia.gal.

Compartir: