EDUCACIÓN E CIDADANÍA

A EMM acolleu unha sesión sobre interpretación musical histórica con Guillermo Turina

22/11/2016 A Escola Municipal de Música continúa coas actividades de promoción e formación musical para o seu alumnado e persoas interesadas da cidade. Nesta ocasión, celebrouse unha sesión formativa a cargo de Guillermo Turina, prestixioso violonchelista especialista en interpretación histórica e musicólogo.

A conferencia versou sobre a interpretación musical con criterios históricos, facendo especial fincapé na recuperación da música patrimonial e na evolución organolóxica dos instrumentos. Ademais, acompañou algunhas pasaxes interpretando pezas para violoncello de Domenico Gabrielli e Francesco Supriani (do que recentemente publicou o disco Francesco Supriani: Principles to learn to play the cello para o selo holandés Cobra Records).

Guillermo Turina avoga por respectar o modo en que se tocaban as obras no momento en que foron escritas, empregando instrumentos históricos e baseándose no estudo musicolóxico do contexto histórico e do repertorio.

Guillermo Turina, violoncello barroco
Comezou os seus estudos de violoncello á idade de tres anos coa profesora Arantza López seguindo o método Suzuki. Continuou a súa preparación con María de Macedo e con Miguel Jiménez, ata que ingresou no Conservatorio Superior de Música de Aragón, onde realizou o grao superior de música, na especialidade de violoncello, recibindo clases de Angel Luís Quintana, Maite García e David Apellániz. Tamén realizou cursos de perfeccionamento musical con Jaap ter Linden, Anner Bylsma e Pieter Wispelwey.

Tras os seus estudos superiores, realizou o Máster en Interpretación Orquestral na Fundación Barenboim-Said de Sevilla e a Diplomatura da Formation Supérieure au métier de l'orchestre classique et romantique en Saintes, baixo a tutela de Hillary Metzger e Christophe Coin. Ampliou a súa formación na Escola Superior de Música de Catalunya, na especialidade de violoncello histórico, con Bruno Cocset e Emmanuel Balssa, finalizando os seus estudos coas máis altas cualificacións. Realizou o Máster en Musicoloxía da Universidade Autónoma de Barcelona.

Ao longo da súa carreira foi violoncello principal de formacións como a Joven Orquesta Nacional de España, a Jeune Orchestre Atlantique, a Nederlandse Orkest Ensemble Academie ou a European Union Baroque Orchestra, traballando con mestres como Philippe Herreweghe, Marc Minkowski, Jordi Savall, Rachel Podger ou Lars Ulrik Mortensen. Colabora habitualmente con agrupacións nacionais e internacionais como Regina Ibérica, Ensemble Nereydas, Temperamento, Os Músicos do Tejo ou Vespres d’Arnadí. A súa actividade como solista levouno a tocar tanto recitais de violoncello como concertos con orquestra en diversas salas de concerto de España, Francia, Bélxica, Luxemburgo e Alemaña. É membro fundador da agrupación Academia de las Luces e membro dos grupos ATRIUM Ensemble, La Tempestad e Paperkite.

Doutra banda, o seu labor musicolóxico pode ser apreciado en dúas publicacións recentes: a edición crítica e estudo dos métodos de violoncello, escritos en España a finais do século XVIII, na editorial inglesa Septenary Editions, e o libro La música en torno a los hermanos Duport, publicado no catálogo da Editorial Arpegio de Sant Cugat. Ademais, é autor do CD Francesco Supriani: Principles to learn to play the cello.

Compartir: