ACCIÓN CULTURAL

"Sieranevada", "Une vie" e "Malgré la nuit" estréanse este mércores en Cineuropa

22/11/2016 A programación deste mércores en Cineuropa inclúe a estrea dos filmes Sieranevada, Une vie e Malgré la nuit, ademais dunha mesa coloquio sobre os 30 anos de historia do festival e un novo repertorio de curtas do programa Cinema en curso.

Une vie, o novo de Stéphane Brizé, proxectarase no Salón Teatro ás 20:00 horas. Premio FIPRESCI en Venecia, e nomeada ao León de Ouro, Une vie, —que adapta un relato de Guy de Maupassant—, é a historia dunha muller hipersensible á que todo lle vén imposto pola sociedade decimonónica na que vive. Trátase dun retrato elegante e emocional cuxa grandeza se atopa nos pequenos detalles.

O Teatro Principal acollerá, ás 22:30 horas, a estrea de Sieranevada, do romanés Cristi Puiu. No filme, practicamente unha peza de cámara, unha reunión familiar serve como pretexto para tratar temas como a natureza humana, a identidade, a memoria histórica e a realidade social e política da Romanía actual. Unha obra mestra.

No Salón Teatro ás 22:15 horas, teremos oportunidade de ver Malgré la nuit (A pesar da noite), o novo de Philippe Grandrieux, todo un especialista en crear atmosferas escuras, case lyncheanas. É un filme hipnótico e transgresor de vidas cruzadas. Segundo José Luis Losa, "unha historia de autodestrutivos cantos de serea, de paixóns desbocadas, de exhibicionismo e sexo en bosques de cruising e druídas".

30 anos de Cineuropa
Con motivo dos 30 anos do festival, celebrarase a mesa coloquio 30 anos de Cineuropa. Encontro co público. Os participantes serán José Luis Losa, director de Cineuropa; Alejandra Trelles, directora do Festival Cinematográfico Internacional do Uruguai; e Ángel Santos, director do Festival Internacional Novos Cinemas. O encontro, aberto ao público, tratará sobre os 30 anos de Cineuropa. Os participantes debaterán tamén sobre a situación dos festivais internacionais de selo independente. A cita será no Cinema Numax ás 16:00 horas. De seguido, ás 17:00 horas. no mesmo espazo, proxectarase un novo repertorio de curtas de Cinema en curso, un interesante e recoñecido programa de pedagoxía do cine que se desenvolve en colexios e institutos.

Este mércores haberá ademais novos pases de filmes imprescindibles como Yourself and yours (O teu e ti), de Hong Sang-soo (ás 18:30 horas no Teatro Principal); Ma Loute, de Bruno Dumont (no Principal ás 20:15 horas); e The love witch (A bruxa do amor), de Anna Biller (Cinema Numax ás 19:15 horas). Por outra banda, os filmes que se despiden este mércores de Cineuropa son: El almanaque, de José Pedro Charlo (ás 17:00 horas no Teatro Principal); e Eldorado XXI, de Salomé Lamas (ás 21:30 horas no Cinema Numax).

Direcciones relacionadas



Compartir: