DESENVOLVEMENTO ECONÓMICO

Compostela acollerá o primeiro Foro de Economía Social Inspiradora

22/11/2016 A concelleira de Políticas Sociais, Diversidade e Saúde, Concha Fernández, presentou esta mañá o I Foro de Economía Social Inspiradora. Emprender na Adversidade, que ten como obxectivo principal estimular a promoción económica centrada nas persoas como motores de cambio. Celebrarase o vindeiro 15 de decembro no edificio Cersia, en San Lázaro.

O Foro combinará sesións plenarias con charlas inspiradoras de experiencias reais de emprendemento con dinámicas grupais e actividades que axuden ás persoas participantes a superar a negatividade, e coñecer mecanismos para afrontar retos e establecer redes de colaboración. Concha Fernández destacou que este foro "se celebra por primeira vez en Santiago, dado o interese que ten este Concello por estimular a promoción económica centrada nas persoas como motores de cambio e na responsabilidade empresarial como factor clave do emprendemento sostible".

Neste Foro tamén se busca coñecer e recoñecer o traballo de empresas con valores sostibles, igualitarios e solidarios. O Foro ten polo tanto varias vertentes complementarias entre si. En primeiro lugar, a economía centrada nas persoas e en como mellorar a súa autoestima e motivación persoal e profesional. Programas como Aposta por ti, no marco do Compostela Móvese, inciden directamente na recuperación da autoestima e motivación como motor de cambio que parte de un mesmo, tanto á hora de buscar traballo por conta allea, como para emprender por conta propia.

Charlas inspiradoras
Unha segunda vertente é a resiliencia empresarial e a crise para transformar propoñendo unha serie de charlas inspiradoras. Coñecedoras dunha situación percibida como adversa para emprender, no Foro quérese presentar un cambio de enfoque, de forma que unha época de crise económica poida ser percibida como época de cambio e, polo tanto, de oportunidades para emprender. Neste caso, contaremos coa experiencia de tres persoas emprendedoras con perfís moi distintos, que foron capaces de superar fracasos e adaptarse aos cambios dunha nova situación na que emprender con conciencia e valores é a clave do éxito.

Nas charlas participarán Jesús Illán, un emprendedor de Outeiro de Rei ao que a crise obrigou a pechar unha empresa de 54 empregados pola falta de flexibilidade bancaria, polo que tivo que reinventarse a si mesmo. Hoxe en día ten unha empresa de agricultura ecolóxica, polo que no a súa experiencia é un bo exemplo de resiliencia emprendedora.

Tamén Idoia Cuesta, nada no País Vasco e afincada en Lugo é unha creadora téxtil que combina mestría, tradición e experimentación para levar a cestería a novos escenarios. Este camiño creativo está cheo de colaboración, tanto de forma individual, como colectiva, para ir tecendo unha rede de proxectos nos que dar saída ás súas creacións e lidar coa crise que se viven en xeral e, en particular, na súa actividade.

Finalmente falarase sobre Mihulloa, proxecto nado da colaboración entre Granxa Maruxa e Milhulloa para sacar unha liña de cosmética elaborada a partir dos seus produtos: o leite e os aceites esenciais. Para lograr este obxectivo, as emprendedoras tiveron que percorrer un longo camiño que nos contarán neste Foro, no que tamén contarán como xurdiu a idea de fusionar os seus produtos en algo totalmente diferente ao que comercializa cada empresa.

Economía social
En terceiro lugar figura a economía social que, no marco deste Foro, non só estará centrado nas formas xurídicas de empresas, senón que o enfoque é moito máis amplo, abarcando os valores de traballo da economía social e as súas ensinanzas e como aplicalas ao tecido empresarial.

No Foro estarán representadas entidades relacionadas coa Economía Social en sentido estrito (UGACOTA, AESGAL E AEIGA), e presentaranse os resultados do informe sobre Economía Social en Santiago de Compostela. Iso si, o Foro quere ir mais alá falando da necesidade de colaborar, aproveitar as sinerxias entre empresas ou sumar esforzos para crear redes de traballo que permitan desenvolver proxectos conxuntos.

Pódese atopar máis información sobre os contidos do programa e máis realizar a inscrición no Foro a través da web do Cersia.

Compostela Móvese
O programa Compostela Móvese recolle as múltiples actividades que desenvolve a Oficina de Promoción Económica municipal para impulsar un novo modelo económico para Santiago, apoiándose nas principais fortalezas da cidade: capitalidade, proxección internacional, universidade, cultura e patrimonio e cumprimento dos criterios de sustentabilidade do territorio.

A segunda edición de Compostela Móvese conta cun orzamento total de 253.000 euros. O programa ten dúas grandes liñas de actuación diferenciadas. Por unha banda, hai unha liña de axudas á creación de empresas que busca apoiar o crecemento apostando polos sectores económicos definidos como claves para o desenvolvemento sostible do Concello e, por outra parte, unha liña de actividades de dinamización económica que parte da base da riqueza en coñecemento, profesionais e ideas de Santiago e busca artellar espazos de intercambio, formación e crecemento, coma o I Foro de Economía Social Inspiradora. Emprender na Adversidade.

Direcciones relacionadas



Compartir: