XUNTA DE GOBERNO

Aberta a primeira convocatoria de residencias de creación artística na Sala Agustín Magán

18/11/2016 A Xunta de Goberno aprobou hoxe a convocatoria de residencias de creación ou estadías técnicas para proxectos de artes escénicas na Sala Agustín Magán, do Centro Sociocultural de Santa Marta. As residencias serán de creación e investigación artística e, aínda que poidan contar con apoio loxístico e técnico, non suporán dotación económica algunha.

A convocatoria está destinada a compañías e creadores de artes escénicas profesionais con sede en Galicia, e as residencias desenvolveranse entre o 1 de xaneiro e o 31 de xullo de 2017, cunha duración máxima de tres semanas. As solicitudes pódense presentar ata o 7 de decembro no Rexistro Xeral do Concello. Á hora de facer a adxudicación terase en conta a traxectoria do solicitante, o plan de estrea e circulación, o interese artístico do proxecto e a súa adecuación ás características da Sala Agustín Magán.

Convenios de colaboración
A Xunta de Goberno tamén aprobou hoxe dous convenios da Concellaría de Acción Cultural. Trátase dos acordos co Obradoiro de Cultura Tradicional Ultreia e coa Asociación Folclórica Colexiata de Sar. Nos dous casos, o Concello fará achegas de 3.500 euros. Ademais, déuselle o visto bo á xustificación do convenio nominativo entre o Concello e a Asociación Cultural Cidade Vella, por un importe total de 20.000 euros.

A proposta da concelleira delegada de Políticas Sociais, aprobouse un convenio de colaboración con Cogami, que recibirá unha subvención de 15.000 euros para un proxecto de actividades para persoas con discapacidade. Tamén se aprobou o convenio entre o Concello e a Federación Galega de Atletismo para o desenvolvemento da 3ª edición da MediaSan do Camiño, que recibirá unha achega de 10.000 euros.

Programa de Cidades Intelixentes
Na Xunta de Goberno de hoxe tamén se deu conta da aceptación da subvención concedida polo Ministerio de Economía e Competitividade para o desenvolvemento do proxecto "Plataforma de Goberno Aberto, Colaborativa e Interoperable", en colaboración cos concellos de A Coruña, Madrid e Zaragoza. A achega será dun total de 2.090.461,80 euros, dos que a Santiago lle corresponden 300.000 euros. O Concello terá que aportar 199.999,80 euros ao desenvolvemento do programa, repartidos nos exercicios de 2016 e 2018. Ao tempo, apróbase o texto do convenio entre a entidade pública empresarial Red.es e os concellos da Coruña, Madrid, Santiago e Zaragoza para o desenvolvemento do programa de cidades intelixentes da Axenda Dixital para España.

No caso de Compostela, o proxecto contempla a implantación dun portal de datos abertos, un portal de orzamentos participativos, un novo sistema de queixas e suxestións e participación na contratación pública e a posta en marcha dun portal de transparencia.

Documentos relacionados

Direcciones relacionadas



Compartir: