ACCIÓN CULTURAL

Preséntase en Cineuropa a produción galega "María (y los demás)"

18/11/2016 Este sábado, o festival Cineuropa acolle a presentación do filme de produción galega María (y los demás), dirixido por Nely Reguera. Outras estreas da xornada son as últimas películas de Olivier Assayas, Adolfo Arrieta e Yeon Sang-ho.

A primeira longametraxe de Nely Reguera, María (y los demás), presentarase esta tarde ás 20:30 horas no Teatro Principal. De equipo e produción galegos e rodada integramente no noso país, a película está protagonizada por Bárbara Lennie, actriz premiada polo noso festival en 2014. Bárbara interpreta a María, unha aspirante a escritora que ten que ocuparse do seu pai enfermo. Cando este se recupera e recompón a súa vida, María ten que afacerse á nova situación e afrontar o seu propio destino. Os produtores Luisa Romeo e Sergio Frade, e parte do equipo, asistirán á presentación da película.

Outro encontro terá lugar no Salón Teatro ás 16 horas. O galego Ovidio Fernández presentará Shoots from Abyssinia, o sur, un documental que rompe os tópicos occidentais sobre Etiopía. Ás 19:30 horas, no mesmo Salón Teatro, haberá nova oportunidade de conversar sobre Suite Armoricaine coa directora Pascale Breton e Kaou Langöet, protagonista da película. Á mesma hora, no Cinema Numax, poderemos coñecer o cineasta arxentino Eugenio Canevari, que visita Cineuropa para presentar Paula, cinema comprometido sobre unha moza sen recursos que se afronta a un embarazo non desexado.

Á parte destes interesantes eventos, a xornada ofreceranos tres agardadas estreas: Belle dormant, de Adolfo Arrieta; Personal Shopper, de Olivier Assayas; e Train to Busan, de Yeon Sang-ho.

A cita co último do madrileño Adolfo Arrieta será ás 18:00 horas no Salón Teatro. Belle dormant é unha fresca e divertida adaptación do conto A bela dormente, na que Arrieta, máis recoñecido en Francia que no noso país, conta con actores fetiche do talle de Ingrid Caven ou Mathieu Amalric.

Por outra banda, Personal shopper, do prestixioso Olivier Assayas, estrearase ás 22:30 horas no Teatro Principal. No Festival de Cannes, esta arriscada historia de moda e fenómenos paranormais protagonizada por Kristen Stewart fíxose cun merecido premio á mellor dirección. Por último, ás 00:30 da noite, chegará ao mesmo Principal Train to Busan, de Yeon Sang-ho, un filme de zombis e supervivencia que obtivo os premios de mellor director e efectos especiais no Festival de Sitges.

Ao longo deste sábado, tamén poderemos asistir a un novo pase de Siete instantes, de Diana Cardozo (Cinema Numax ás 17:45 horas); e aos últimos de: Pepe Mujica – Der Präsident (Pepe Mujica, o presidente), de Heidi Specogna (no Teatro Principal ás 16:00 horas); Toni Erdmann, de Maren Ade, valorada polo público do festival cun 7.29 (no Principal ás 17:45 horas); Le fils de Joseph (O fillo de Joseph), de Eugène Green (Principal ás 22:30 horas); El último verano, de Leire Apellaniz (Numax ás 16:00 horas); e Voyage à travers le cinéma français (As películas da miña vida), de Bertrand Tavernier (Numax ás 21:15 horas).

Compartir: