ALCALDÍA E TURISMO

Santiago(é)tapas xa está en marcha con máis de 100 tapas para degustar

18/11/2016 O alcalde de Santiago, Martiño Noriega, membros da Corporación dos diferentes grupos municipais e representantes da Asociación Hostalería Compostela e de empresas e entidades patrocinadoras e colaboradoras participaron nunha pequena ruta dentro de Santiago(é)tapas, o concurso de tapas de Santiago, que comezou este xoves e se prolongará ata o domingo 4 de decembro.

Este ano, Santiago(é)tapas celebra a súa novena edición, na que participarán 68 locais da cidade, que ofertarán un total de 104 tapas, que como se vén facendo dende hai anos pasaron un proceso de preselección para garantir que todas as tapas cumpren cos niveis de calidade esixidos polo concurso.

Nas oito edicións celebradas, Santiago(é)tapas superou xa as 245.000 tapas vendidas; e rematou a oitava con máis de 31.000 tapas consumidas nos 69 locais participantes nesa edición. Estas cifras ratifican o evento non só como promotor da gastronomía local como atractivo turístico, senón tamén como dinamizador do consumo e incentivo de calidade para a hostalería.

A nova edición de Santiago(é)tapas continúa cos elementos distintivos do concurso. O obxectivo fundamental da organización é consolidar o evento en novembro, en paralelo a Cineuropa, como reclamo turístico que combina cine e gastronomía nun mes no que descende a afluencia de xente a Santiago. Trátase así dunha medida encamiñada a reducir a estacionalidade da demanda turística da cidade.

Cinco etapas e varios premios
A cidade divídese en cinco rutas ou (é)tapas que, a modo de etapas do Camiño de Santiago, teñen que ir percorréndose para poder conseguir diferentes premios. O Tapasporte, libriño onde os locais irán poñendo o seu selo cando se consuma a súa tapa, poderá recollerse dende o xoves na oficina de Turismo de Santiago e nos propios locais participantes.

A votación popular será a responsable de decidir tres premios: o primeiro Premio Tapa do Público 2016, dotado con mil euros, o segundo premio, dotado con 500 euros en produtos, e o Premio (É)xcelente 2016, para o local con mellor servizo integral. O gañador do primeiro premio, ademais, será o representante de Santiago no evento De Tapas por Galicia ou calquera outro evento similar.

O xurado especializado tamén visitará de incógnito os establecementos e escollerá a proposta gañadora do Premio do Xurado á Mellor Tapa 2016. Como novidade, outorgará este ano unha mención especial Santiago(é)Cine 2016 á tapa que por título, técnica, produtos ou elaboración estea vencellada ao mundo do cine, en homenaxe aos 30 anos de Cineuropa.

Por segunda edición, Santiago(é)tapas está organizado de modo conxunto por Turismo de Santiago e a Asociación Hostalería Compostela, nun modelo de coparticipación entre o Concello e o sector privado da cidade. Conta ademais co patrocinio de Cash Récord, Coca Cola e Mil Ríos, a colaboración especial de Estrella Galicia – Cabreiroá e a colaboración do Obradoiro, Carrís Hoteles e Transportes Mosquera.

Compartir: