XUNTA DE GOBERNO

Adxudicadas as obras de mellora do pavimento nas rúas Estrada, Santas Mariñas e Picaños

18/11/2016 A Xunta de Goberno adxudicou hoxe as obras de rexeneración do pavimento da calzada das rúas Estrada, Santas Mariñas e Picaños. A actuación, da que se vai encargar a empresa Asfalgal Técnica Viarias S.L, conta cun orzamento de 237.803,34 euros, IVE incluído.

O proxecto inclúe a reposición do pavimento, que se atopa actualmente en moi mal estado, e a mellora da sinalización horizontal. Tamén se instalarán novas sinais verticais de paso de peóns e unha sinal de redución de velocidade, e retranquearase o paso de peóns do cruce da rúa do Cruceiro de Sar, para adaptalo á normativa vixente. O prazo para a realización das obras é de dous meses.

A Xunta de Goberno tamén adxudicou, á empresa JSTOP Obras y Servicios, o proxecto de acondicionamento e postas en valor de fontes e lavadoiros da zona rural. A actuación está incluída no PAS da Deputación da Coruña e afectaralle a elementos dos lugares de Lobio, O Roxido, Santomil e Vilamaior.

Programa de conciliación de Nadal
A proposta do concelleiro de Educación tamén se aprobou hoxe o programa de conciliación de Nadal, que terá lugar os días 22, 23, 26, 27, 28, 29,e 30 de decembro de 2016; e 2,3,4 e 5 de decembro de 2017 nas instalacións do CEIP das Fontiñas e CEIP Raíña Fabiola. O custo será de 15.402,50 euros.

O programa de conciliación de Nadal está dirixido a nenos e nenas que estuden nos centros de educación Infantil e Primaria de Santiago ou que estean empadroados no Concello, con idades comprendidas entre os 3 e os 12 anos. As actividades desenvolveranse en horario de nove da mañá a dúas da tarde, coa posibilidade de solicitar un servizo de madrugadores con almorzo ou un servizo de comedor. Ofreceranse cen prazas para as actividades e obradoiros, 50 para os madrugadores, e outras 50 para o comedor.

Melloras nas escolas infantís de Conxo e Fontiñas
Aínda en materia de Educación, o Goberno local deu conta hoxe da concesión dunha subvención da Consellería de Políticas Sociais para o investimento na mellora de infraestruturas e do equipamento das escolas infantís de Conxo e Fontiñas. A achega autonómica é de 33.871,29 euros. Desa cantidade destinaranse 20.000 euros á mellora do patio exterior da escola infantil de Fontiñas, e os 13.871,29 euros restantes serán para a adquisición e mellora de equipamento dos dous centros.

Documentos relacionados

Direcciones relacionadas



Compartir: