CONVIVENCIA

O Concello reforza os servizos de prevención e limpeza ante as malas previsións meteorolóxicas

18/11/2016 A Concellaría de Medio Ambiente e Convivencia vén de reforzar os servizos de prevención e limpeza ante as previsións meteorolóxicas que apuntan a que unha borrasca deixará fortes chuvias en Compostela durante a fin de semana. Este reforzo abrangue a Viaqua, a empresa concesionaria da xestión da auga; Urbaser, a concesionaria do servizo de limpeza, e ao corpo de Bombeiros.

Xa dende comezos desta semana, os técnicos de Viaqua estiveron intensificando a vixilancia e limpeza nos puntos máis sensibles da cidade, e mañá terá unha brigada de reforzo para atender calquera eventualidade. Tamén Urbaser está revisando as zonas máis conflitivas en caso de chuvia para retirar calquera elemento que puidera causar problemas, e mañá pola mañá reforzarase cunha brigada con dúas máquinas barredoras e dúas sopladoras. Na tarde do sábado, cando as previsións meteorolóxicas empeoran, o servizo reforzarase cunha brigada máis. Por último, os Bombeiros están tamén colaborando cos labores de vixilancia nos puntos sensibles da cidade.

O Concello fai un chamamento á precaución por parte da cidadanía, e solicita a súa colaboración para que dea aviso de calquera eventualidade que se produza co obxectivo de que poida ser solucionada canto antes. O mellor modo de facelo é dirixíndose á Policía Local, no teléfono 981 542 323, ou a Viaqua, no 900 201 250.

Compartir: