ACCIÓN CULTURAL

Os cineastas Pascale Breton e Manuel Iborra visitan Cineuropa para presentar "Suite Armoricaine" e "La fiesta de los locos"

17/11/2016 Día de presentacións en Cineuropa, coa presenza dos cineastas Pascale Bretón e Manuel Iborra. Ademais, Paula Ortiz dará unha clase maxistral e será a xornada das estreas de La tempestad calmada, The autopsy of Jane Doe e Nasty baby.

As presentacións do día comezarán ás 16:00 horas no Teatro Principal con La tempestad calmada, do tinerfeño Omar A. Razzak. O documental aproveita a historia da última viaxe dun barco de pesca para afondar en temas como intercambio xeracional e a ausencia de oportunidades a pesar da riqueza do territorio. Contaremos coa presenza de Emilio García, sonidista do filme.

Á mesma hora, no Cinema Numax, dará comezo a clase maxistral de Paula Ortiz. A directora de La novia impartirá cinco horas de contidos teóricos e prácticos sobre a presentación de proxectos audiovisuais.

No Salón Teatro, ás 17:30 horas, presentarase Suite Armoricaine, de Pascale Breton, Premio Fipresci no Festival de Locarno. Trátase dun filme coral, construído como unha suite en distintos movementos a modo de contrapunto onde temas como o amor, a arte e o tempo discorren honesta e elegantemente. Toda esta fin de semana, contaremos coa presenza da directora e do seu actor protagonista, Kaou Langoët.

De seguido, ás 20:30 horas, no mesmo Salón Teatro, dará comezo a estrea de La fiesta de los locos, de Manuel Iborra, un documental sobre o entroido gaditano dende a perspectiva de diversos participantes. Contaremos coa presenza do propio Iborra para conversar con el sobre a película.

Ademais, teremos ás 17:45 horas, no Teatro Principal, unha nova oportunidade de conversar co actor Xelo Cagiao sobre O ornitólogo, filme de João Pedro Rodrigues no que participa.

Ás 22:30 horas, no Salón Teatro, pasarase por vez primeira Nasty Baby, de Sebastián Silva, un sorprendente traballo que comeza como inocente comedia para devir en perturbador thriller.

The autopsy of Jane Doe (A autopsia de Jane Doe), de André Øvredal, estrearase en Cineuropa ás 00:00 horas. desta noite no Principal compostelán. Trátase dun filme de baixo presuposto que consegue o seu obxectivo: facernos pasar un bo rato de medo no cine. No Festival de Sitges acadou o premio especial do xurado.

Tamén haberá presentacións na programación de cinema galego. O Cinema Numax acollerá ás 21:30 horas un novo pase de Visións. Por outra banda, a partir das 18:45 horas, asistirán ao CGAC o compositor Nico Casal para presentar Stutterer, unha peza para a que compuxo a banda sonora que obtivo o Oscar á mellor curtametraxe; e David Castro, que falará do seu traballo Excepto Patio.

Por último, será a ultima oportunidade de asistir aos pases de Forushande (The salesman), de Asghar Farhadi, valorada polo público do festival cun 7,6 (ás 20 horas no Teatro Principal); e Juste la fin du monde (Só a fin do mundo), de Xavier Dolan, no mesmo Principal ás 22:15 horas.

Direcciones relacionadas



Compartir: