MEDIO AMBIENTE

Vinte e cinco restaurantes súmanse á iniciativa "Que che re-aproveite!"

17/11/2016 O concelleiro de Medio Ambiente e Convivencia, Xan Duro, presentou hoxe unha nova actividade organizada polo seu Departamento para celebrar a Semana Europea da Prevención de Residuos. Trátase da campaña Que che re-aproveite!, que ten como obxectivo evitar o malgasto alimentario nos establecementos de hostalería.

25 restaurantes da cidade sumáronse xa á iniciativa, desenvolvida de xeito parello co concello de Lugo, e en colaboración coa empresa Novotec. O seu xerente de Proxectos, Benito Blanco, explicou que "España é un dos estados nos que se producen máis desperdicios alimentarios, cunha media de 76 quilos anuais por familia".

Segundo apuntou, as cifras non son moito mellores nos establecementos de hostalería, "que poderían aforrar unha media duns 3.000 euros anuais se fixeran unha mellor xestión e evitaran os desperdicios". Nesa liña, Benito Blanco apuntou que se estima que "unha cuarta parte dos comensais dos restaurantes deixan comida no prato, polo que podemos pensar que se están servindo racións demasiado grandes". Ademais, os establecementos de hostalería "e tamén os fogares, están perdendo a práctica de facer menús de aproveitamento".

Máis de 5.000 friameiras
Os restaurantes que participan na campaña Que che re-aproveite! van recibir un total de 5.000 friameiras e bolsas nas que os seus clientes poderán levar para a casa a comida que lles sobre. Trátase dunha práctica moi habitual dende hai anos en moitos países, "pero que a nós nos está custando asumir, e por iso hai que fomentala con campañas coma esta". A campaña desenvolverase do 19 ao 27 de novembro, e neses días os establecementos comprométense a informar aos seus clientes da iniciativa e a animalos a levar a comida sobrante. Os restaurantes deben rexistrar o número de comensais que se animan a participar na iniciativa, para facer balance ao seu remate.

Os establecementos participantes son os seguintes: María Castaña, San Jaime, Auga e Sal, O Celme do Caracol, O Piorno, O 42, O Afiador, Rúa Nova, A Curtidoría, Milonga´s, O Curro da Parra, O Tamboril, A Bodeguilla de San Roque, A Bodeguilla de San Lázaro, A Bodeguilla de Santa Marta, La Cervecería Internacional, La Industrial, Don Quijote, Damajuana, A Horta do Obradoiro, O Dezaseis, A Grella, Fraiche e La Cavita.

Compartir: